Trenor inaugura o obradoiro de emprego de Oza-Cesuras, Coirós e Mesía que formará 20 alumnos en atención sociosanitaria e conservación de montes
O delegado da Xunta informou que na comarca da Coruña o Goberno galego financiará 9 obradoiros de emprego na convocatoria 22-23 cun investimento que supera os 4,5 millóns de euros
O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as necesidades das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes de Oza-Cesuras, Coirós e Mesía, inaugurou esta mañá o obradoiro de emprego, Reactiva I Oza Cesuras, Coirós, Mesía que se desenvolverá en colaboración con estes tres concellos. Este programa conta cun apoio da Xunta de máis de 500.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Concretamente, formaranse 20 alumnos, durante 12 meses, en dúas especialidades con alta demanda de emprego: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque ademáis de mellorar as capacidades para que as persoas desempregadas atopen un emprego, compleméntase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.
O representante do Goberno galego destacou o compromiso destes tres concellos coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta.
O delegado da Xunta lembrou que estas iniciativas mixtas de formación e emprego son unha das actividades coa que o Goberno galego está incrementando as oportunidades laborais de galegas e galegos, co obxecto de mellorar a empregabilidade das persoas sen traballo mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social.
O representante do Goberno galego apuntou que “a convocatoria deste ano inclúe diversas novidades como a ampliación da duración dos obradoiros dos 9 aos 12 meses”. Teñen preferencia, como en pasadas edicións, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, en particular; os parados de longa duración; maiores de 45 anos; alumnado que carece de títulos universitarios ou de FP de grao superior; e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Trenor destacou que na comarca de Coruña a Xunta financiará, na convocatoria 2022-2023, nove obradoiros de emprego nos concellos de Cambre, Arteixo, Oza-Cesuras, Betanzos, Miño, Curtis, Abegondo e Culleredo, grazas a un investimento que supera o 4,5 millóns de euros para formar a 180 desempregados desta área.
ENTIDADE | PROXECTO | ALUMNOS SOLICITADO | Nº CONCELLOS | OUTRAS ENTIDADES | ORZAMENTO TOTAL SUB | |
CAMBRE | PROXEDIS-CAMBRE | 20 | 1 | 503.987,00 € | ||
OLEIROS | OBRADOIRO DUAL DE EMPREGO REALIZACIÓN DE MOBILIARIO URBANO E RESTAURACIÓN DE ZONAS VERDES MUNICIPAIS 2 | 20 | 1 | 503.987,00 € | ||
ARTEIXO | OBRADOIRO DE EMPREGO ARTEIXO-A LARACHA POLO EMPREGO IV | 20 | 2 | A LARACHA | 503.987,00 € | |
OZA-CESURAS | OBRADOIRO DE EMPREGO REACTIVA I OZA-CESURAS, COIRÓS E MESÍA | 20 | 3 | COIRÓS, MESÍA | 503.987,00 € | |
BETANZOS | EMPREGABILIDADE NA DEPENDENCIA | 20 | 5 | ABEGONDO, CARRAL, COIRÓS, PADERNE | 503.987,00 € | |
MIÑO | ARTABRO EMPRENDE III | 20 | 5 | PADERNE, PONTEDEUME, MONFERO, CABANAS | 503.987,00 € | |
CURTIS | TERRAS DA MONTAÑA IV | 20 | 3 | SOBRADO, VILASANTAR | 503.987,00 € | |
ABEGONDO | RESERVA DE BIOSFERA: EMPREGO VERDE II | 20 | 8 | BERGONDO, BETANZOS, CARRAL, COIRÓS, OZA-CESURAS, PADERNE, SADA | 503.987,00 € | |
CULLEREDO | CULLEREDO ACTIVO | 20 | 2 | A CORUÑA | 503.987,00 € | |
TOTAL COMARCA A CORUÑA | 180 | 30 | 4.535.883 € | |||