Pemes, autónomos e cooperativas poden solicitar desde hoxe os apoios de ‘Xempre Emprendemento’ para financiar investimentos realizados este ano

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, activou as axudas económicas que permitirán financiar, entre outros, gastos derivados da adquisición de informática, mobiliario ou de eficiencia enerxética


O Goberno galego destina a esta liña de axudas 2,8M€ que se traducirá en achegas que poden ir dos 3.000 aos 30.000 euros en función dos cartos investidos


O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 4 de novembro
 

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022 O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria Xempre Emprendemento na que a Xunta destinará 2,8M€ a apoiar con ata 30.000 euros os investimentos realizados este ano por pemes, autónomos e entidades de economía social en equipamento e eficiencia enerxética, entre outros.

Trátase de outorgar liquidez ás iniciativas empresariais nacidas a partires do 1 de xaneiro de 2020 para contribuír a manter a súa actividade e gañar competitividade.  

Pódense beneficiar do programa pemes, persoas traballadoras autónomas e sociedades cooperativas e laborais que teñan iniciada a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2020 (ou máis tarde) e permanezan en activo. O prazo de solicitude iníciase hoxe e concluirá o próximo 4 de novembro.

A través da nova liña, o Goberno galego axuda coa financiaciación de inversións realizadas polas entidades entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da solicitude. Cubriranse, deste xeito, investimentos efectuados (debidamente xustificados mediante factura) en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais, ou adquisición de equipos de segunda man para o negocio, entre outros.

Os pagamentos a percibir variarán en función da intensidade do investimento realizado. Irán así dun mínimo de 3.000 euros para a mínima inversión financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).

Con esta nova política, a Xunta segue a impulsar as iniciativas de emprendemento e o mantemento de empregos de calidade.

Xempre Emprendemento insírese na estratexia Xempre Contigo da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que está a impulsar a iniciativa empresarial no territorio e as políticas de apoio aos traballadores autónomos e á economía social.