Xunta e Cámara de Comercio da Coruña colaborarán para conectar a demanda e a oferta de postos de traballo e dar cobertura ás vacantes existentes
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na apertura da Feira de Emprego organizada pola Cámara de Comercio herculina
Un protocolo asinado entre ambas as dúas entidades permitirá achegar ofertas laborais ás oficinas galegas de emprego e mellorar o seu papel intermediador
Lorenzana destacou a aposta da Xunta pola empregabilidade e formación das persoas mozas a través da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego
Anunciou que este venres botará a andar o primeiro polo de emprendemento e apoio ao emprego da provincia coruñesa, o da Costa da Morte, e que antes de que remate o ano abrirá un segundo, en Ferrolterra
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou hoxe un protocolo de colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña polo que ambas as dúas entidades se comprometen a traballar da man co obxectivo de nutrir ao tecido empresarial galego do persoal que precisa: conectando de xeito efectivo a oferta de postos coa demanda. A formalización do acordo produciuse no curso da inauguración da XII Feira de Emprego organizada pola entidade cameral e na que participaron a titular deste departamento do Goberno galego, María Jesús Lorenzana, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o presidente da Cámara coruñesa, Antonio Couceiro.
O protocolo, tal e como relatou Lorenzana, nace coa idea de “favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional”. Trátase de conectar, de maneira máis efectiva, a oferta e demanda de emprego, “mellorando a cobertura de vacantes no tecido empresarial e a taxa de ocupación da cidadanía galega”, destacou a conselleira.
A representante da Xunta puxo en valor a necesidade de dinamizar o tecido empresarial a través da formación e mellora da empregabilidade da forza laboral. Colaboracións como a hoxe referendada, permitirán, por unha banda, achegar ofertas de traballo ao Servizo de Emprego de Galicia por parte da Cámara de Comercio de Coruña e dos seus afiliados e, por outra, potenciar o papel de intermediación laboral das oficinas de emprego.
Lorenzana lembrou que a Xunta ten en marcha políticas eficaces para mellorar a formación para o emprego da poboación moza e incentivar a súa contratación e o emprendemento. Hai un ano comezaron os traballos da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que, como dixo, supón un impulso pioneiro na cualificación da poboación galega. Concibida como “un gran pacto polas capacidades das persoas traballadoras” promove a colaboración público-privada na creación dunha contorna de aprendizaxe permanente, na que actualizar as competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral.
Polos de Apoio ao Emprego e o Emprendemento
A Axenda insírese na Estratexia Xempre Contigo, no marco da que tamén naceu a Rede de Polos de Apoio ao Emprego e o Emprendemento que o Goberno galego está a despregar por toda Galicia. “Trátase de centros de referencia onde vos poderán axudar a determinar en que tipo de actividades hai oportunidades de negocio na vosa contorna máis próxima e apoiarvos no proceso de posta en marcha da vosa idea empresarial, de principio a fin”, declarou Lorenzana na apertura da Feira de Emprego.
Este venres inaugurarase o Polo da Costa da Morte, situado en Coristanco, anunciou a conselleira, quen tamén indicou que antes de finalizar o ano a provincia coruñesa contará con outro centro en activo na zona de Ferrolterra.
A titular de Promoción do Emprego lembrou que o seu departamento está a apostar pola formación e empregabilidade da xente nova, cun Plan Emprega Xuventude, con axudas por un global de 51,8 millóns de euros para chegar a máis de 2.100 mozas e mozos galegos.
Lorenzana fixo un chamamento tamén no foro coruñés ás empresas representadas -un total de 60, entre as que se encontraban grandes firmas como Vegalsa, Luckia, Estrella Galicia ou Abanca- para avanzar no paradigma do benestar laboral. Reivindicou mellores condicións de traballo, como “racionalizar horarios, potenciar contornas máis conciliadoras ou brindar oportunidades de reciclaxe profesional”, que redundan en máis satisfacción do cadro de persoal e unha maior produtividade para a empresa.