A Xunta destaca o papel dos Centros Especiais de Emprego como dinamizadores da inclusión laboral das persoas galegas con discapacidadade

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada Contratación pública estratéxica e análise da eficiencia dos Centros Especiais de Emprego organizada pola Asociación Empresarial para a Discapacidade Intelectual e o Desenvolvemento de Galicia (Aedigal) na que puxo en valor o papel destas entidades da Economía Social como dinamizadoras da inclusión laboral das persoas con discapacidade e, polo tanto, do seu benestar.

 

Mancha defendeu a implantación de medidas como a reserva de contratos aos Centros Especiais de Emprego (CEE) na cultura administrativa, xa que, segundo destacou, cómpre poñer en valor as características destas entidades “vencelladas co territorio e cunha clara vocación pola inserción sociolaboral”. Aínda que Galicia fai esta reserva desde o ano 2010, a lexislación máis recente fixa nun 5% o importe global dos que se gardan aos CEE, algo que para a directora xeral reflicte “o compromiso firme da Xunta de Galicia coa Economía Social e a inclusión de persoas con discapacidade no eido laboral”.

 

Imaxes relacionadas