A Xunta activa a formación laboral de 20 persoas desempregadas de Moraña e Valga co obradoiro ‘Ulla-Umia VI’

O delegado territorial, Luis López, acompañado dos alcaldes José Cela e José María Bello, presidíu esta mañá o acto de inauguración desta iniciativa, que conta cun investimento de 504.000€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Este obradoiro, cuxo formato dual estenderase nesta ocasión ata os doce meses tras aumentar a carga lectiva nun 33%, arrancou no edificio multiusos de Moraña e distribuirase nos módulos de Repoboacións Forestais e Traballos de Carpintaría

“O emprego é un dos grandes eixos da acción da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo de mellora da empregabilidade, no que investiremos 1 M€ nos dous obradoiros da bisbarra de Caldas”, explicou o representante autonómico
 

Moraña, 6 de outubro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, activou na xornada de hoxe a formación laboral de vinte persoas desempregadas dos municipios de Moraña e Valga coa posta en marcha do obradoiro de emprego de formato dual Ulla-Umia VI, que conta cun investimento autonómico de 504.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado dos alcaldes de Moraña, José Cela, e de Valga, José María Bello, e do persoal directivo e docente do obradoiro, presidiu esta mañá no edificio multiusos de Moraña o acto de inauguración desta iniciativa laboral, orientada á mellora da empregabilidade a través da ensinanza específica en oficios.

 

“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que outorga coñecementos e experiencia aos participantes e favorece a súa inserción laboral en sectores con moita saída en Moraña, Valga e, en xeral, en toda a comarca”, explicou o representante autonómico, que lembrou que a Xunta “está a arrancar ao longo desta semana esta nova quenda, na que investiremos máis de 1 millón de euros só nesta bisbarra con este obradoiro compartido e con Os Camiños do Camiño III no Concello de Caldas de Reis”. En total, na provincia de Pontevedra haberá 23 iniciativas laborais destas características cun orzamento de 11,2 millóns de euros e 446 participantes.

 

O obradoiro de emprego Ulla-Umia VI, que se recupera este ano tras a edición celebrada en 2020,contará cos módulos de Repoboacións Forestais, Tratamentos Silvícolas e Conservación de Montes e, por outra banda, Traballos de Carpintaría e Moble e Mecanizados de Madeira, ambos con dez alumnos cada un. A formación prolongarase durante doce meses –tres meses máis que o ano pasado xa que o formato incrementou de xeito xeralizado a súa carga lectiva nun 33% para toda Galicia– e, ademais das ensinanzas teórico-prácticas, ofertarase a posibilidade de realizar prácticas en empresas da contorna ao seu remate grazas ao seu formato dual.

 

Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos para outorgarse máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitarán este ano completo ao máximo para adquirir coñecementos que poden ser fundamentais para o seu futuro profesional”. Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca de Caldas, “algo que demostramos con feitos, tal e como se confirma con estes dous novos obradoiros, a potente oferta de FP ou os vindeiros cursos de formación para desempregados”.

 

“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado a xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais van recibir unha remuneración durante nove meses e que contribuirán ao beneficio de todas e todos con servizos públicos e atencións sociais”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas