A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes da Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (Acegal)

A Xunta e o sector da reforma e rehabilitación coinciden na necesidade de simplificar a tramitación das axudas para eficiencia enerxética

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2022 A Xunta de Galicia e o sector da reforma e rehabilitación de Galicia coincidiron na necesidade de simplificar a tramitación das axudas para eficiencia enerxética durante unha reunión que mantivo esta semana a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, con representantes da Asociación de Empresas do Cerramento de Galicia (Acegal), da Asociación Española de Fabricantes de Fachadas Lixeiras e Fiestras (Asefave) e da Federación de asociacións de empresas de reforma e rehabilitación de Galicia (Federgal).

 

Durante o encontro, a conselleira compartiu a proposta do sector de analizar medidas que permitan un maior e mellor aproveitamento destas axudas xa que unha enquisa elaborada por Acegal revelou que os requisitos técnicos complicados e unha documentación complexa eran as principais razóns que alegaban as empresas para desaproveitar estas subvencións.

 

A maiores, Ángeles Vázquez lembroulles que aínda está aberto o prazo de solicitudes para outros programas de axudas como as subvencións a nivel de barrio, que contan cun orzamento de 11,5 millóns de euros para mellora ou rehabilitación de vivendas co obxectivo de obter un aforro enerxético do 30%.

 

Tamén lles trasladou a posibilidade de solicitar as axudas a nivel de edificio que está dirixido, sobre todo, á renovación de envolventes como fachadas ou cubertas.

 

A Xunta aposta por reducir o consumo enerxético, mantendo o confort dos fogares galegos, incidindo, ademais, no uso de materiais sustentables e respectuosos co medio ambiente, procedentes de fontes non contaminantes, naturais, reciclados e reciclables ou reutilizables.

 

 

Imaxes relacionadas