Galicia reclama que a nova Lei de Pesca Sostible que prepara o Goberno estatal teña en conta a experiencia do sector na cogobernanza e na achega de datos
A Xunta insta ao Executivo central a revisar o texto ante a falta de concreción e seguridade xurídica que provoca posto que a nova lei deberá convivir coa anterior
Antonio Basanta insiste en que o momento escollido para levar a cabo esta actualización non é o axeitado tendo en conta que, entre outras cousas, nuns meses deberíase levar a cabo a revisión da Política Pesqueira Común (PPC)
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro indicou que xa se constituíron cinco grupos de traballo dentro da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia para traballar a prol do equilibrio dos criterios medioambientais, económicos e sociais na xestión marítimo-pesqueira
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, solicitou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia unha revisión completa do proxecto de Lei de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira que pretende levar a cabo o Goberno do Estado para ter en conta a experiencia do sector. Así, indicou que o texto non cumpre cos obxectivos propugnados publicamente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao xerar dúbidas e inseguridade xurídica, ao mesmo tempo que apelou a unha coordinación normativa eficaz, tanto de carácter autonómico como internacional.
“Somos conscientes da importancia e da complexidade que implica a elaboración dun texto legal deste calado e a nosa disposición a colaborar é plena”, indicou Antonio Basanta, que asegurou que a vontade de Galicia pasa sempre por defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro.
O representante autonómico apelou, como xa fixo o pasado mes a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no Congreso dos Deputados, á proposta de ditame elaborado polo Consello galego de Pesca ao respecto e no que o sector establece unha serie de consideracións sobre esta norma. Así, fixo referencia á falta de concreción e seguridade xurídica, posto que a nova lei deberá convivir coa anterior. Tamén puxo de relevo a falta de idoneidade do momento escollido para levar a cabo esta actualización, posto que, entre outras cousas, nuns meses levarase a cabo a revisión da Política Pesqueira Común (PPC).
Antonio Basanta incidiu ademais na necesidade de que a norma atenda ás demandas do sector en aspectos como a remuda xeracional, a adecuación ao cambio climático e a aposta pola cogobernanza. Do mesmo xeito, lamentou a ausencia de equilibrio na lei entre os aspectos ambientais, económicos e sociais e indicou que Galicia bota en falta unha maior coordinación no labor das distintas administracións no texto.
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica tamén apelou á necesaria incorporación no texto de mecanismos que impidan a acumulación de cotas e o seu uso de xeito meramente mercantil e especulativo, ao mesmo tempo que avogou pola revisión dos coeficientes redutores para a xubilación dos profesionais do mar a través dunha norma específica que detalle a intensidade en cada segmento de frota ou actividade.
Marisqueo ría de Arousa
Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou que a ría de Arousa recibiu máis do 50% das axudas de rexeneración de toda Galicia desde o 2016, ao respecto dunha pregunta na mesma Comisión sobre a produción marisqueira nesta zona. Así, explicou que esta ría recibiu máis de 3,3 millóns de euros dos que se levan executados máis de 2 millóns cos que se realizaron sementeiras de especies como a ameixa babosa e fina.
A maiores, Susana Rodríguez defendeu tamén a creación o pasado mes de setembro da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, que ten entre as súas finalidades avanzar no coñecemento do estado dos recursos e dos factores que inflúen na súa situación para mellorar a súa explotación e, do mesmo xeito, reforzar a necesidade de contar con argumentos científicos para rebater medidas como o actual veto á pesca de fondo imposto pola Comisión Europea. Neste sentido, apuntou que xa se constituíron cinco grupos de traballo dentro desta rede aos que se poderán unir posteriormente outros organismos interesados en colaborar.