A Xunta e as universidades da Coruña e Santiago desenvolven o ‘Programa Explorer’ de impulso ao talento e ao espírito emprendedor da mocidade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou os convenios de colaboración para financiar a iniciativa dirixida á mocidade de entre 18 e 31 anos que ten lugar nos campus da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo
Os promotores dos proxectos innovadores seleccionados previamente nun concurso de ideas están a recibir na actualidade formación e asesoramento
O obxectivo da experiencia é converter os proxectos en modelos de negocio
O apoio ao emprendemento, a través de ‘Xempre Contigo’, é unha das prioridades do Goberno galego que está a promover a posta en marcha de iniciativas empresariais co reto de mellorar a competitividade da economía
Lorenzana lembrou o lanzamento en 2023 da iniciativa ‘Impacto Autónomo’ con axudas por 30M€ para compensar o incremento de custes que asumen profesionais por conta propia e poder consolidar os seus negocios
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou os convenios de colaboración coas universidades da Coruña (UDC) e Santiago (USC) para o financiamento do programa Explorer para impulsar o talento e o espírito emprendedor entre a mocidade galega, en concreto, entre aqueles con idades comprendidas entre os 18 e 31 anos.
O departamento autonómico apoia esta iniciativa con 30.000 euros (15.000 euros para o desenvolvemento do programa nos campus da Coruña e Ferrol e outros 15.000 euros para os campus de Santiago e Lugo) co reto de que os participantes poidan desenvolver as súas ideas innovadoras e integrarse nun ecosistema de alto rendemento no que poidan crecer os seus proxectos ata convertelos nun modelo de negocio. Trátase dun programa cunha alta participación en convocatorias anteriores e que sirve de motor para a promoción do espírito emprendedor.
Tal e como reflectiu Lorenzana, con esta iniciativa a Xunta persegue que os estudantes “poidan desenvolver as súas ideas innovadoras cun asesoramento específico, e convertelos nun modelo de negocio”.
Os promotores dos proxectos innovadores seleccionados previamente nun concurso de ideas están a recibir na actualidade formación e asesoramento experto, así como titorías de profesionais para que poidan desenvolver con éxito as súas ideas innovadoras.
A Xunta financia esta actividade no marco da súa aposta de impulso ao emprendemento en Galicia a través da nova estratexia de emprego, Xempre Contigo, coa que, entre outros obxectivos, inclúe a promoción do emprendemento no territorio e o impulso ás políticas de apoio aos autónomos e á economía social para a mellora da competitividade.
“Temos que potenciar novos talentos para potenciar novas empresas, pero tamén temos que seguir insistindo para consolidar negocios e autónomos que xeran economía e emprego na comunidade”, remarcou a conselleira, quen lembrou que os novos orzamentos para o ano 23 destinarán 30 millóns de euros ao programa Impacto Autónomo que nace para dar impulso aos negocios xa creados, para que palíen a alza de custos derivada do prezo da enerxía, da inflación ou dos combustibles, con axudas medias 1.200 euros de media e apoios para unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas.