A Xunta inviste 600.000 euros na formación dirixida aos axentes sociais para impulsar a igualdade laboral a través da negociación colectiva e o diálogo social

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Santiago de Compostela na apertura dun seminario que apoia a Xunta sobre fenda salarial, igualdade retributiva e auditoría salarial organizado pola CEG

Sinalou a importancia da negociación colectiva para seguir avanzando na igualdade das mulleres e nos seu posicionamento nas empresas

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022

A directora xeral de Relacións Elena Mancha, sinalou hoxe a importancia da negociación colectiva para seguir avanzando na igualdade de oportunidades de mulleres e homes na apertura dun seminario organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e que apoiou a Xunta sobre fenda salarial, igualdade retributiva e auditoría salarial, celebrado en Santiago de Compostela.

Mancha sinalou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a investir preto de 600.000 euros en axudas dirixidas a diferentes colectivos, entre eles os axentes sociais, para apoiar plans de formación centrados no diálogo social e a negociación colectiva, xa que, na súa opiniòn, son clave para avanzar no posicionamento das mulleres nas empresas. “A igualdade é futuro, é avance e é xustiza social”, apuntou.

A directora xeral, ademais, destacou que a Xunta destina á promoción da igualdade entre homes e mulleres na área laboral preto de dous millóns de euros dirixidos a apoiar ás pemes na implantación de plans de igualdade, teletraballo e no desenvolvemento de medidas encamiñadas a favorecer a conciliación da vida familiar, persoal e laboral.

Así mesmo, Mancha puxo en valor a formación que a Xunta está a impartir en materia de igualdade laboral a través do campus en liña e os apoios aos gabinetes específicos en materia de igualdade nas organizacións empresariais e sindicais.

Imaxes relacionadas