A Xunta destaca que o emprego é clave para favorecer o avance social e a integración das persoas con discapacidade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración da xornada Recoñecementos á Inclusión en Galicia, organizado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e a Fundación Integralia DKV, na que sinalou a importancia de impulsar o emprego entre as persoas con discapacidade para favorecer o seu avance social e a súa integración.
Por iso, anunciou que os orzamentos para 2023 da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade incrementan nun 11,2% o investimento do Plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social que contará cun total de 44,5 millóns de euros.
Lorenzana, ademais, destacou a importancia do movemento asociativo “sen precedentes” en Galicia no ámbito da discapacidade impulsado, entre outros, por Cogami, entidade á que agradeceu o seu labor que a Xunta apoia a través de diferentes convenios e programas de actuación nas áreas de inclusión, orientación e formación para o emprego.
Para rematar, apuntou que o Goberno galego seguirá reforzando as súas políticas inclusivas para “derrubar barreiras e garantir a autonomía, a independencia e os dereitos das persoas con discapacidade”.