Lorenzana anuncia a reedición do plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social con máis de 44 M€ para formación, emprendemento e contratación inclusiva

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na clausura do XVIII Congreso Nacional de Centros Especiais de Emprego
 

Adiantou que o seu departamento seguirá a impartir en 2023 formación dual para persoas con discapacidade intelectual
 

A Xunta ten aberto ata o 27 de outubro o prazo de solicitude de axudas para o emprego dunhas 3.700 persoas a través dos Centros Especiais de Emprego
 

“O emprego inclusivo é produtivo”, reclamou Lorenzana

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana clausurou hoxe o XVIII Congreso Nacional de Centros Especiais de Emprego celebrado en Santiago de Compostela, cidade recoñecida este ano como capital da Economía Social. No acto reivindicou o emprego inclusivo e debullou que o seu departamento avogará nos orzamentos de 2023 pola formación para o emprego na discapacidade, a contratación e as axudas ao emprendemento.

 

Os orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, tal e como resaltou Lorenzana, avogarán “por unha sociedade máis xusta, en igualdade de condicións e de oportunidades para todas e para todos”. A súa titular adiantou que a Xunta reeditará no ano 2023 o plan Emprega Discapacidade e Exclusión Social que contará con 44,5 millóns de euros (un 11,2% máis que en 2022) destinados á formación para o emprego, incentivos á contratación e axudas para o emprendemento.

 

Tamén avanzou Lorenzana que as contas de 2023 integrarán unha nova edición  do programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual, ao que se refiriu como “un sistema ponte entre o ámbito formativo e o ámbito laboral que aposta pola cualificación, a produtividade e o talento”.

 

A Xunta agarda apoiar a inserción laboral de máis de 3.700 persoas con discapacidade en Centros Especiais de Emprego (CEE). Este é o obxectivo da orde de axudas activa ata o próximo 27 de outubro que destina a esta finalidade máis de 24 millóns de euros, porque, segundo relatou Lorenzana, os CEE xogan un papel fundamental como empresas de economía social que fan compatible a viabilidade económica e a participación no mercado co compromiso social cara a colectivos vulnerables.

 

“O emprego inclusivo é produtivo e pódense conseguir mellores resultados económicos e sociais se apostamos decididamente por el”, quixo subliñar a conselleira, quen abondou en que o traballo constitúe un “elemento esencial para garantir a igualdade de oportunidades, o desenvolvemento persoal e a participación plena na sociedade”.

 

A Xunta de Galicia está a traballar, xunto con entidades do terceiro sector, na posta en marcha de políticas activas para a integración no mercado laboral das persoas con discapacidade, tanto no sistema de traballo ordinario, que Lorenzana marcou como prioritario, como a través das fórmulas especiais de traballo protexido.

 

O 8% da forza de traballo de 16 a 64 anos en Galicia, cirfrou a conselleira, está representada polo colectivo. O Goberno galego traballa para adaptar as necesidades formativas, de orientación e de acompañamento para establecer itinerarios e ofertas de emprego individualizadas, adecuadas ás características destas persoas. Conta para facelo coa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, “unha estratexia que sitúa as capacidades das persoas no centro da axenda política, creando sinerxias públicas e privadas para manter unha contorna de aprendizaxe continua e permanente”, afirmou a titular de Promoción do Emprego. “O obxectivo é que as persoas avancen no desenvolvemento das súas capacidades e que as empresas teñan ao seu alcance ferramentas para o seu crecemento e para mellorar a súa competitividade”, engadiu.

 

“Seguiremos a insistir en políticas públicas integradoras, adaptando os postos de traballo e utilizando todos os métodos de formación ao noso alcance para chegar a todas as persoas con discapacidade; tamén a aquelas que sofren discriminación múltiple por ser mulleres, persoas maiores ou por vivir no rural”, rematou Lorenzana.

Imaxes relacionadas