A Xunta comparte a preocupación do sector da discapacidade ante a reforma coa que o Goberno central quere minorar os incentivos á contratación

A consellería de Promoción do Emprego e Igualdade alíñase coas demandas de Cermi Galicia e alerta dos efectos negativos de reducir os incentivos para o traballo inclusivo
 

A titular deste departamento, María Jesús Lorenzana, solicitou na última conferencia sectorial de emprego a retirada do anteproxecto e chamou a atención sobre a posible colisión coas competencias autonómicas de deseño de plans de emprego
 

A medida podería afectar a máis de 3.500 postos de persoas con discapacidade que traballan nos 122 centros especiais de emprego existentes en Galicia
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade amosa a súa preocupación ante o anteproxecto de lei que promove o Ministerio de Trabajo y Economía Social para reordenar as bonificacións e incentivos á contratación laboral das persoas con discapacidade tanto en empresas ordinarias como en centros especiais de emprego (CEE). A Xunta de Galicia reclama máis diálogo neste proceso e lamenta a falta de rigorosidade e técnica xurídica para a súa aplicación. 

A Xunta alíñase, así, coas reivindicacións achegadas por Cermi Galicia e alerta dos efectos negativos que unha medida deste calado tería sobre a contratación e o mantemento de postos de traballo das persoas con discapacidade.

A intención do Goberno do Estado é a de eliminar as bonificacións do 100% pola contratación de persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, que supoñen, por lei, máis do 70% dos seus cadros de persoal. A medida afectaría tamén á contratación destes traballadores en empresas ordinarias.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, solicitou a retirada deste anteproxecto na última conferencia sectorial de emprego celebrada en Madrid o pasado 25 de novembro, cando o texto se deu a coñecer ás comunidades. Na mesma evidenciou a posible colisión do novo marco xurídico proposto coas competencias autonómicas de deseño de plans de emprego.

Galicia reclama que calquera revisión de bonificacións que afecten á contratación de persoas con discapacidade se faga no marco do diálogo social. Reivindica, ademais, que de realizarse modificacións, se acompañen dunha análise xustificativa das medidas.

De saír adiante esta normativa, alerta o Goberno galego, os seus efectos afectarían en especial aos 122 centros especiais de emprego cos que conta a comunidade e que dan emprego a máis de 3.500 persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas