A Xunta dá o visto bo ao convenio entre o IGVS e o Concello de Lugo para a recuperación de Doña Urraca e o seu contorno

O delegado territorial, Javier Arias, pide á Administración local que inicie os trámites para a súa aprobación e sinatura, e lembra que tamén debe aprobar o estudo de detalle para o proxecto da Casa da Torre

Lugo, 9 de novembrode 2022

A Xunta de Galicia deu o seu visto bo ao convenio co Concello de Lugo para a recuperación e posta en valor do pazo de Dona Urraca e a mellora do seu contorno mediante a ordenación da Unidade de Intervención 8 do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do caso histórico de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) estudou e acepta o borrador remitido polo Goberno local o pasado 21 de outubro. Neste sentido, lembra que a primeira versión do convenio foi enviada polo IGVS ao Concello o pasado mes de febreiro, e a resposta municipal chegou hai pouco máis de dúas semanas, en vésperas da reunión da alcaldesa co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, incluíndo algunhas modificacións puntuais.

O órgano autonómico, que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, “valorou a proposta con axilidade e coa mellor disposición, dado que consideramos que o proxecto xa acumulou suficiente demora durante estes oito meses”, afirmou o delegado. Ao respecto, solicita que o Concello inicie canto antes os trámites oportunos para proceder á aprobación definitiva e á sinatura do convenio.

Casa da Torre

Co respecto ao outro gran proxecto impulsado pola Xunta de Galicia na Tinería, como é a Casa da Torre, na actualidade que salga adiante o estudo de detalle dependerá da aprobación definitiva no pleno municipal.

O delegado territorial da Xunta en Lugo sinalou sobre a posta en valor do antigo hospital que “o IGVS xa entregou o pasado mes o proxecto de rehabilitación do edificio, polo que agardamos que o Concello faga todo o posible para que o estudo de detalle se aprobe definitivamente e desatascar unha obra coa que xa perdemos moitos meses, xa que hai que lembrar que o pasado mes de xaneiro tivemos que anular o contrato de obra, cando ademais tiñamos unha partida consignada de 500.000 euros”.

A rehabilitación integral do hospital de San Miguel prevé unha obra que permita recuperar o edificio para destinalo a fines turísticos e formativos, como albergar a Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo da Provincia de Lugo.