A Xunta e o Concello de Curtis avanzan na implementación do polígono agroforestal da localidade

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse co alcalde e os gandeiros desta localidade para falar do polígono agroforestal de Curtis, que implica ás parroquias de Santa Eulalia e Santa María de Foxado
 

Na reunión trasladoulles as vantaxes que brindan os instrumentos de planificación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, neste caso, dos polígonos agroforestais
 

Durante a xuntaza presentóuselles aos gandeiros os traballos realizados ao longo deste ano na elaboración do catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais do ámbito do polígono agroforestal de Curtis
 

Deste xeito, procúrase unha distribución axeitada dos usos agrogandeiros e forestais no territorio e favorecer o desenvolvemento destes usos fronte ao abandono da terra agroforestal

Curtis (A Coruña), 10 de novembro de 2022 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá co alcalde, Javier Francisco Caínzos, e os gandeiros de Curtis para falar do polígono agroforestal da localidade, que afecta ás parroquias de Santa Eulalia e Santa María de Foxado. Na reunión presentóuselles aos gandeiros os traballos realizados ao longo deste ano na elaboración do catálogo parcial de solos agropecuarios e forestais do ámbito do polígono agroforestal de Curtis e, por outra parte, recolléronse as opinións e preferencias dos gandeiros ao respecto da planificación e ordenación dos usos agroforestais.

 

O Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que é o instrumento marco para a ordenación e xestión do desenvolvemento dos usos destes solos sobre o territorio, clasificará a totalidade dos terreos agroforestais en agropecuarios ou forestais en función da súa aptitude produtiva actual e potencial a partir da análise de factores físicos, ambientais, estruturais e socioeconómicos. Deste xeito, procúrase unha distribución axeitada dos usos agrogandeiros e forestais no territorio e favorecer o desenvolvemento destes usos fronte ao abandono da terra agroforestal.

 

Precisamente, no ámbito do polígono agroforestal de Curtis, que conta cunha superficie total de 3.386 hectáreas e é, ata o momento, o de maior superficie no que se está a traballar por parte da Consellería do Medio Rural, identificáronse máis de 70 explotacións agrarias que poderían precisar incrementar a súa base territorial das 123 explotacións existentes no Rexistro de explotacións.

 

Así mesmo, analizáronse máis de 26 factores, incluíndo variables agronómicas, os usos actuais e históricos e outros factores socioeconómicos, ambientais e estruturais que afectan aos distintos usos agrícolas, gandeiros e forestais, co fin de determinar os terreos con maior aptitude para os distintos usos. Deste xeito, o fin é propoñer unha ordenación do territorio acorde con esta aptitude e que garanta un aproveitamento sustentable do territorio desde un punto de vista ambiental, económico e social.

 

Os próximos pasos incluirán máis actividades participativas cos propietarios das parcelas para a presentación do catálogo de solos, que servirá de base para os posteriores traballos de mellora de estrutura territorial do polígono agroforestal.

Imaxes relacionadas