O servizo de orientación xurídico-laboral que ofrecen a Xunta e o Colexio de Graduados Sociais respostou un cento de consultas en Pontevedra no que vai de 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha charla informativa sobre estes gabinetes de asesoramento
O servizo está aberto á cidadanía para informar sobre prestacións da seguridade social, igualdade no traballo ou emprendemento, entre outras cuestións
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou nunha reunión informativa na delegación territorial da Xunta de Galicia en Vigo para explicar o servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén en colaboración cos tres colexios oficiais de graduados sociais en Galicia (Lugo, Pontevedra e A Coruña e Ourense). Na xornada puxo en valor que no que vai de ano, soamente no Colexio de Pontevedra atendéronse 95 consultas sobre temáticas diversas insertas no das relacións laborais, a igualdade, e aspectos sociais do traballo.
A directora xeral de Relacións Laborais explicou ante representantes deste colexio profesional, da inspección de traballo, da tesourería da Seguridade Social e do servizo de emprego (SEPE), que con esta iniciativa estanse a atender consultas do máis diverso “sobre prestacións contributivas, xubilación, invalidez, viuvez, orfandade, prestacións familiares, prestacións non contributivas, de desemprego e no marco das relacións laborais dos traballadores acerca de contratos, convenios, comprobacións salariais das nóminas, etc.”.
A Xunta, grazas a esta colaboración, dá resposta tamén a cuestións vencelladas co emprendemento e o traballo autónomo e mesmo a consultas socio-laborais no eido da igualdade, a discriminación ou o acoso no lugar de traballo, especificou Mancha.
O servizo realízase de xeito presencial con carácter prioritario. Poden beneficiarse do mesmo persoas físicas que non teñan a condición de empresarios, salvo traballadores autónomos que se atopen en situación análoga á de conta allea, que pretendan iniciarse no emprendemento. Tamén poden acceder a estes gabinetes, no que concirne á igualdade, discriminación e acoso, as persoas colexiadas con respecto aos seus despachos, así como os clientes no caso de solicitalo.
A través deste sistema garántese a máxima discreción e confidencialidade, encomendando o asesoramento aos profesionais máis próximos á persoa beneficiaria.
Mancha destacou que na actual conxuntura laboral existen inquedanzas que incumben ás persoas traballadoras e ás relacións laborais, afectando tamén ás condicións nas que se desenvolve o traballo. Consciente desta necesidade, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pretende dar resposta ás dúbidas que lles poidan xurdir a través desta oficina de orientación xurídica-laboral, que se estreou en 2021.