A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse hoxe cos alcaldes destas localidades

O Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Laxe e Vimianzo, someterase este mes a participación pública

Belén do Campo incide en que o obxectivo do plan é garantir o desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable destes elementos

Laxe (A Coruña), 17 de novembro de 2022 A memoria inicial do Plan de xestión da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba someterase este mes á participación pública, tal e como trasladou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos alcaldes de Laxe, José Luis Pérez, e Vimianzo, Mónica Rodríguez, municipios nos que se localiza este conxunto de elevacións graníticas que ocupa unha superficie total dunhas 212 hectáreas.

Do Campo avanzou que está previsto o próximo día 24 de novembro saia publicado no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se abrirá este procedemento para recoller, durante un mes, as achegas da cidadanía e das organizacións máis representativas, entre outros.

Nesa liña, a directora xeral incidiu en que o obxectivo do plan é garantir o desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos que foron considerados claves para a declaración como espazo protexido e evitar presións e ameazas que poidan afectar a este lugar.

Ademais, procurarase manter as prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais, así como a súa  conservación. Cómpre lembrar que este espazo caracterizase por unha combinación de formas rochosas significativas que confirman unha paisaxe de singular atractivo.

Os Penedos indican non só a súa relación con longos procesos tectónicos durante os que as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas, senón tamén o papel que tiveron na súa orixe as condicións climáticas do pasado máis quentes e húmidas.

Durante o encontro cos rexedores municipais, a directora xeral agradeceu a súa colaboración no desenvolvemento da memoria inicial do plan de xestión deste espazo protexido e avanzou que se analizarán todas as achegas que realicen a este proxecto.

Imaxes relacionadas