Un cento de persoas sen emprego melloran na Laracha as súas oportunidades laborais no programa de emprego que financia a Xunta con 250.000 €

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe a iniciativa que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego en colaboración co Concello

A Xunta está a levar a cabo por toda Galicia máis de 40 programas integrados de emprego (PIE) para formar a unhas 4.100 persoas sen emprego a través dun investimento de 10,2 millóns de euros

A Laracha (A Coruña), 17 de novembro de 2022 A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, clausurou hoxe na Laracha o programa integrado de emprego (PIE) no que se formaron e incrementaron as súas oportunidades laborais un cento de persoas sen emprego. A Xunta, en colaboración co Concello, desenvolveu esta iniciativa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou con 250.000 euros co reto de apoiar plans que “aseguran unha formación teórica e práctica de calidade”, apuntou Lado.

A directora xeral agradeceu ao Concello da Laracha “o seu compromiso institucional” para levar a cabo esta iniciativa e orientar os esforzos a mellorar as oportunidades de emprego das galegas e galegos e sinalou que o éxito dos programas integrados de emprego levou á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a aumentar nun 2 % o orzamento da convocatoria 2022-2023, un investimento que se manterá para a edición 2023-2024.

Lado sinalou que este ano, con 10,2 millóns de euros, estanse a poñer en marcha 40 programas integrados por toda Galicia para incrementar as oportunidades laborais de 4.100 persoas sen emprego e co obxectivo de que un mínimo do 35 % do total de participantes en cada programa atope un traballo ao remate das accións desenvolvidas.

Entre 2009 e 2021, preto de 46.200 persoas de toda Galicia participaron nestes PIE para o que a Xunta destinou case 84,5 millóns de euros.

 

Imaxes relacionadas