Lorenzana presenta en Madrid a rede autonómica de polos de emprendemento que xa asesora e axuda a desenvolver 67 proxectos empresariais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destacou, no acto que tivo lugar na Casa de Galicia, que na iniciativa xa participan 79 persoas emprendedoras que recibiron máis de 260 sesións de titorización

Sinalou que é unha rede unificada e coordinada con expertos de primeiro nivel que ofrecerán nos doce polos acompañamento e asesoramento en cada unha das etapas do proxecto empresarial
 

Madrid, 18 de novembro de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid, acompañada polo director, Juan Serrano, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta está a despregar por toda Galicia para garantir de principio a fin un apoio continuado ás persoas emprendedoras, en todas as etapas quie comprende o inicio dun proxecto empresarial.

A Consellería está a investir nesta iniciativa, que inclúe tamén axudas económicas, máis de 18 millóns de euros para impulsar e apoiar as iniciativas emprendedoras que xurdan en Galicia e fixar empresas no territorio, así como reter e atraer talento. En total, a Rede estará conformada por 12 polos distribuídos por toda a xeografía galega nos que se ofrecerán acompañamento e asesoramento en cada unha das etapas do proxecto empresarial.

No que vai de ano xa se abriron os polos de Ourense Centro e Sur (Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (Silleda) e Costa da Morte (Coristanco); e antes que finalice o ano poranse en marcha os de Lugo Sur (Monforte de Lemos) e Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol). Nos que xa están operativos ofreceuse un asesoramento personalizado e permanente a 79 persoas emprendedoras, axudándolles a desenvolver 67 proxectos empresariais mediante a realización de máis de 260 sesións de titorización, emprendendo en sectores como turismo e ocio, alimentación, servizos profesionais, agro ou fabricación de bens e consumo.

“É unha rede unificada e coordinada que conta con titores expertos de primeiro nivel para garantir que as persoas interesadas sexan capaces de emprender en condicións de seguridade, favorecendo que os seus negocios se consoliden co paso do tempo”, apuntou Lorenzana.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego forma parte da nova Estratexia de emprego da Xunta, Xempre Contigo, un novo enfoque, segundo a conselleira, co que se aposta por “un mercado laboral máis interconectado, formado e dinámico articulado en base á colaboración público-privada para mellorar as capacidades das persoas e o benestar laboral das organizacións”, concluíu.

Imaxes relacionadas