A nova estratexia de emprego Xempre Contigo da Xunta impulsará as capacidades das persoas e facilitará que a oferta laboral estea axustada á demanda

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, expuxo hoxe nas Neves, na clausura do fórum de emprego organizado polo centro de formación profesional EFA A Cancela, as directrices da planificación autonómica


A Estratexia inclúe tres grandes eixos: a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, a modernización do Servizo de Emprego e a Rede de polos de emprendemento
 

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, expuxo hoxe nas Neves, na clausura do fórum de emprego organizado polo centro de formación profesional EFA A Cancela, os eixos principais da nova estratexia de emprego da Xunta: Xempre Contigo. Trátase dunha planificación coa que o Goberno galego busca levar a cabo unha renovación das políticas activas de emprego e da formación para o emprego.

Para iso, estase a traballar na Axenda Galega das Capacidades para o Emprego, a modernización do Servizo de Emprego e na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia.

Lado explicou, en primeiro lugar, que seguindo os principios da estratexia europea, a Axenda busca garantir que cada persoa poida prosperar profesionalmente, adecuando en cada momento as súas capacidades á demanda do mercado. “A formación multiplica as competencias nun contexto laboral de grandes retos que require de persoas capaces de adaptarse aos cambios, con rigor e competencia”, apuntou a directora xeral.

O desenvolvemento desta Axenda das Capacidades para o Emprego xa permitiu detectar catro ámbitos nos que se deben reforzar as accións de formación para axustar a oferta á demanda de traballo e dar resposta ás vacantes que existen no mercado laboral: o dixital, o industrial e da construción, o empresarial e o asistencial.

Con respecto á modernización do Servizo de Emprego de Galicia, a directora xeral apuntou que con este propósito, a Xunta puxo en marcha un Plan de dixitalización e modernización tecnolóxica, baseado na utilización da intelixencia artificial para optimizar o papel de intermediación laboral das oficinas de emprego. “Queremos favorecer que o empresariado galego atope a través do Servizo de Emprego ás persoas con competencias máis acordes ás necesidades da súa organización”, indicou.

Para casar oferta e demanda, a Administración autonómica asinou un protocolo de colaboración con distintas asociacións de empresarios, entre as que se atopa a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para a súa adhesión ao sistema de difusión de ofertas do Servizo de Emprego. “O que pretendemos é converter as necesidades de postos de traballo das empresas en ofertas de traballo que se poidan difundir a través das diversas canles do Servizo de Emprego”, indicou.

En canto ao terceiro eixo, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, Lado afirmou que se está a despregar por toda Galicia con 12 polos nos que se impulsarán e consolidarán proxectos que teñan unha vinculacion coa súa contorna.

“Estamos a poñer ás persoas no foco da nova cultura de formación continua e buscamos ofrecer uns recursos próximos, eficaces e modernos para que as persoas demandantes de emprego e en activo poidan incrementar as súas oportunidades laborais, ofrecéndolles unha formación acorde ás novas tendencias que detecta o tecido empresarial”, rematou Lado