Un 60% dos 193 participantes do programa autonómico EmpregaNAV en Ferrol conseguiron emprego

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, presentou os resultados deste proxecto encamiñado a mellorar a empregabilidade de persoas desempregadas da industria naval

A Xunta destinou máis de 800.000 euros a promover o programa na comarca ferrolá

A iniciativa consensuouse no Diálogo Social e permitiu que 185 persoas da comarca recibiran orientación laboral personalizada

Outorgáronse 132 incentivos para a participacion neste programa que promoveu a súa incorporación ao mercado de traballo
 

Ferrol, 23 de novembro de 2022 O programa EmpregaNAV co que a Xunta apoiou nos últimos dous anos a reinserción laboral de persoas que perderon o seu posto de traballo no sector naval rematou na comarca de Ferrol cunha participación de 193 persoas, das que un 60% acadaron emprego neste tempo.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación de resultados deste proxecto promovido no ámbito autonómico, que contou cun orzamento de 2,26 millóns de euros para as comarcas de Ferrol e Vigo.

Un total de 521 persoas beneficiáronse desta iniciativa promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en marcha da man do Diálogo Social en toda Galicia. Na comarca de Ferrol, un total de 185 persoas participaron en sesións personalizadas e individuais de orientación laboral encamiñadas tanto á busca de traballo por conta allea como para promover o autoemprego.

Na área ferrolá impartíronse un total de 64 accións formativas que puxeron o foco na mellora das oportunidades laborais en áreas como as novas tecnoloxías, os idiomas, a electricidade industrial ou o manexo de plataformas elevadoras, entre outras.

Para facilitar e motivar a participación, EmpregaNAV outorgou incentivos económicos a 132 persoas. Un total de 89, por outra banda, tomaron parte en accións de intermediación laboral.

Para levar a cabo este proxecto “prioritario para recualificar o noso talento humano así como para apoiar a súa inserción no tecido produtivo”, especificou Elena Mancha, mobilizáronse máis de 815.000 euros á area de Ferrol dun total de 2,26 millóns destinados a toda a comunidade.

En toda Galicia, o proxecto, que obtivo financiamento da UE a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (Feag), acadou a participación de 521 persoas desempregadas das que un 76% acadaron unha inserción laboral efectiva.

Mancha destacou que a Xunta de Galicia sempre ten como prioridade ás persoas, “por iso fomentamos a súa reincorporación ao mercado laboral, velando pola súa empregabilidade e asegurando empregos dignos e de calidade”.

O proxecto EmpregaNAV naceu co obxectivo de crear recursos de fomento da inserción laboral especificamente orientados a atender as necesidades das persoas desempregadas provenintes de pemes da industria auxiliar do naval en Galicia, cuxo despedimento foi motivado por causas obxectivas entre o 23 de maio de 2019 e o 23 de febreiro do 2020, con especial atención ás provincias da Coruña e Pontevedra, en concreto, ás comarcas de Ferrol e Vigo, por ser os territorios máis afectados pola situación.

A acción estivo xestionada de forma conxunta pola Xunta de Galicia en colaboración cos interlocutores sociais e económicos, Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) e as organizacións sindicais UGT e COOO, aos que a directora xeral agradeceu a colaboración: “Cando o Goberno galego e o Diálogo Social traballamos man a man créase unha sinerxía coa que somos capaces de seguir construíndo o futuro dunha Galicia máis próspera e solidaria”, indicou.

 

Imaxes relacionadas