Fernández-Tapias expón ante mozos emprendedores vigueses as principais liñas de acción da Xunta en apoio ás súas iniciativas empresariais

A delegada territorial en Vigo participou hoxe no afterwork do Círculo de Jóvenes Emprendedores, no que se debateron as necesidades que xorden á hora de impulsar un proxecto empresarial e con que ferramentas contan para a súa posta en marcha
 

Destacou o compromiso do Goberno galego por situar a Comunidade nun referente neste ámbito pois, dixo, “o emprendemento, a innovación e a empregabilidade son claves na reactivación económica”
 

En materia residencial, subliñou que unha das prioridades da Administración autonómica para os vindeiros anos, son as medidas dirixidas a favorecer e facilitar a emancipación dos mozos e mozas galegos

Vigo, 24 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo oportunidade hoxe de compartir unha xornada de traballo con xóvenes emprendedores vigueses ante os que expuxo as principais liñas de acción do Executivo autonómico en apoio ás súas iniciativas empresariais.

 

No transcurso do encontro, no que se debateron as necesidades que xorden á hora de impulsar un proxecto empresarial e con que ferramentas contan para a súa posta en marcha, destacou o compromiso do Goberno galego por situar a Comunidade nun referente neste ámbito pois, dixo, “o emprendemento, a innovación e a empregabilidade son claves na reactivación económica”.

 

Fernández-Tapias defendeu ante os socios do Círculo de Jóvenes Emprendedores de Vigo que “apostar polo emprendemento é a avogar polo futuro económico de Galicia” e que unha das máximas da Xunta de Galicia é “visibilizar e difundir os seus beneficios como fórmula de éxito”. “Desde as administracións debemos ser capaces de xerar o desexo de emprender, contribuíndo con incentivos, apoios e asesoramento a materializar unha idea, proxecto o negocio”, apuntou, para subliñar que o Executivo autonómico conta cun amplo mapa de recursos para a xuventude con políticas transversais que implican a todos os departamentos.

 

Con todo, e para reforzar esta decidida aposta, cifrou en 18,2 millóns de euros o investimento que a Xunta destinará en 2023 á nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego; unha “nova área estratéxica” que, incidiu, ten como principal cometido o desenvolvemento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Neste punto referiuse a Polo de Emprendemento das Rías Baixas ao abeiro do que están a emerxer iniciativas empresariais viguesas como VanCubic, que ven de desenvolver un novidoso sistema modular intercambiable para camperizar furgonetas; ou Festa Vigo, unha empresa de organización de eventos. 

 

Asemade, recordou que o vindeiro ano tamén se impulsarán desde o Goberno galego iniciativas de emprendemento de proxectos empresariais en etapas iniciais (con 4 millóns de euros) e se apoiará a expansión doutras xa en marcha (con outros 4 millóns de euros). “Apoiar o emprendemento a nivel empresarial será outra das liñas de traballo, á que se destinará outro millón de euros para nutrir convenios con entidades colaboradoras e universidades”, engadiu.  

 

Fernández-Tapias insistiu en que o apoio ao emprendemento e o traballo autónomo serán dous eixes aos que a Administración autonómica prestará especial atención na súa axenda a través de incentivos e acompañamento na posta en marcha de iniciativas que sitúen as persoas no centro das súas accións, co obxectivo de “sacar o máximo partido ao talento e xerar riqueza”.

 

Por outra banda, destacou que a Xunta está a protexer xuridicamente a economía social e recordou que o Goberno galego traballa na actualidade no deseño da segunda Estratexia Galega de Economía Social. Así, citou algúns exemplos de empresas beneficiadas do programa Aprol-Economía Social para menores de 30, con subvenciones para o fomento do emprendemento destinadas a socios de cooperativas o sociedades laborais, caso do restaurante Enxebre de Vigo, Miudiño -xogo e cultura para a infancia- ou Burbuarte -xoguetería e regalos-.

 

Máis de 500 proxectos de emprendemento 

Especial fincapé fixo Fernández-Tapias na aposta da Xunta polos procesos de emprendemento nos que se fomenta a innovación, creación e desenvolvemento de novas startups, para falar da nova Axenda de Emprendemento, que busca canalizar todas as iniciativas que permitan avanzar na innovación, a dixitalización e sustentabilidade.

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo se referiu así aos distintos programas e liñas de actuación activados desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), entre os que destacou o Galicia Emprende e o Galicia Emprende Rural, a través dos que se apoiaron nos últimos anos máis de 500 proxectos emprendedores, mobilizando máis de 35 millóns de euros en Galicia, a rede de aceleradoras ou os espazos coworking. “Un conxunto de actividades que apuntalan a base desa ambiciosa Axenda de Emprendemento que agora estamos a perfilar”, dixo.

 

“Como administración debemos implicarnos no desenvolvemento sustentable deste ecosistema, facilitando as xestións burocráticas, articulando medidas enfocadas a favorecer o emprendemento e instrumentalizando os apoios financeiros necesarios, a través de avais, axudas ou incentivos”, anotou Fernández-Tapias.

 

Biscuits Galicia, Sailway, Viko, Othilio o Adegas Terrae foron alguns dos casos de éxito aos que fixo referencia Fernández-Tapias na súa intervención, entre os que recibiron apoio, acompañamento e asesoramento por parte do Igape desde o seu nacemento a súa consolidación.

 

Axudas á emancipación

Nun cambio de terzo, e ante a preocupación dos socios do Círculo de Jóvenes Emprendedores sobre as dificultades de emancipación da xente moza, a representante autonómica destacou como outro dos compromisos irrenunciable do Goberno galego facilitar o acceso á vivenda aos menores de 35 anos, con medidas e incentivos dirixidos aos máis novos para que dispoñan de apoios económicos para formar o seu fogar.

 

Entre as medidas activadas, Fernández-Tapias aludiu ao Bono Alugueiro con axudas de 250 euros para os menores de 35, a maiores das subvencións directas ao alugueiro no caso dos mozos con escasos recursos; das xudas á compra de vivenda en municipios de menos de 10.000 habitantes (ata 10.800 euros para inmobles que non superen os 120.000 euros); e da nova liña de avais anunciada polo Executivo galego polo 20% do importe que habitualmente non cobren os bancos, o que axudará os mozos menores de 36 anos a acceder a súa primeira vivenda.

 
Xa por último, acentuou o intenso labor de rehabilitación acometido nos últimos anos polo Consorcio Casco Vello de Vigo -participado nun 90% pola Xunta e nun 10 polo Concello- no barrio histórico, con 117 vivendas recuperadas e 33 locais comerciais, contribuíndo tamén á recuperación da súa actividade comercial e social. “Na súa maioría familias novas ás que se facilita o acceso a unha vivenda no centro vigués a prezos taxados, que doutro xeito serían inalcanzables”, concluíu.

Imaxes relacionadas