A Xunta leva por oitavo ano consecutivo o stand da economía social de Galicia á feria Culturgal

O espazo, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, renova a súa aposta pola visibilización das entidades que conforman o sector cultural da economía social e mostra, nesta edición, o aliñamento dos seus valores e principios cos ODS

Pontevedra, 26 de novembro de 2022.-

O sector cultural da economía social de Galicia está representada un ano máis, por oitavo ano consecutivo, na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), que se celebra ata mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Nun stand promovido pola da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e durante os catro días do evento, doce entidades -once cooperativas e unha sociedade laboral- están a presentar os seus proxectos, produtos e servizos na cita de referencia da cultura galega que este ano desenvólvese baixo o lema Quince anos cos fíos da cultura.

O espazo de economía social, un dos diversos e numerosos expositores que participan este ano na Feira, renova a súa aposta pola visibilización das entidades que conforman o sector mostrando nesta edición o aliñamento dos seus valores e principios cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a consecución da Axenda 2030.

Con este fin, as persoas que visiten o stand promovido pola Consellería atoparán, ademais das últimas novidades no catálogo das entidades, un espazo integramente construído con materiais reutilizados, reciclados ou con pegada ecolóxica reducida. No corazón do mesmo, para facer presente o papel da colectividade e situar á cidadanía no centro das prácticas culturais, tal e como procuran os ODS, unha instalación artística participativa permitirá ao público exhibir o seu compromiso cun futuro sostible da man da economía social. Ademais, co fin de que o stand sexa sustentable e deixe residuo cero, a Xunta donará as lonas unha vez que finalice Culturgal.

En paralelo, o stand da economía social de Galicia está a ofrecer ao longo da fin de semana un programa multidisciplinar de propostas para todos os públicos nos que terán protagonismo a arte, a literatura, o xogo, a danza, a música e a narración oral.

As entidades que están nesta edición no espazo autonómico son: a sociedade laboral DezdeDez; e as cooperativas 7H Cooperativa Cultural, BenCuriosa (Almeiro), Catro Ventos Editora, CRU Producións, Maga de Voz, Miraxe, Miudiño, NOSO, Suseia, Urdime e Xarda.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
 
Sábado 26 de novembro

18:00h. Presentación de “O desencantamento”, por Miudiño s. coop. Galega

Presentación do novo libro da editora: un conto de Rafael Quintía ilustrado por Miguel Peralta, da cooperativa Cestola.

19:00h. Sesión express de canto moderno, por Maga de Voz s. coop. galega.

Obradoiro de acceso libre e para todos os públicos.

 

Xincana de descuberta de Economía Social, por 7H Cooperativa Cultural

Actividade continuada e con premio! Durante a xornada do sábado as visitantes ao stand poderán profundar nos valores da economía social recompilando distintas pistas distribuídas por todo o recinto. O compromiso no xogo terá premio: sortearase un lote de produtos de economía social e entregaranse varios agasallos a quen completen a xincana.

 
Domingo 27 de novembro

12:00h. Presentación do libro Alén do azul. Ecoedición, cooperación e mergullo sostible, a cargo de Catro Ventos Editora s. coop. galega e 13 grados s. coop. galega.

Co motivo da segunda edición deste proxecto de intercooperación realizarase unha pequena presentación da obra e as cooperativas implicadas no proceso.

 

13:00h. Contacontos familiar, por Maga de Voz s. coop. galega.

Corenta minutos de música e danza cos que descubrir, en colectivo, novas e inesquecibles historias.