A conselleira de Política Social e Xuventude asistiu hoxe ao acto institucional con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade no Parlamento galego

Fabiola García sinala a necesidade de implicar a toda a sociedade no avance cara unha Galicia máis inclusiva coas persoas con discapacidade

Destacou o apoio que a Xunta presta a estas persoas e ás súas familias en todos os seus pasos vitais: na infancia, na etapa educativa ou no acceso ao mundo laboral

Resaltou medidas como o impulso da rede de atención temperá, a consolidación da educación inclusiva ou a aposta polos centros ocupacionais e especiais de emprego

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, sinalou hoxe a necesidade de implicar a toda a sociedade no avance cara unha Galicia máis inclusiva. Díxoo no acto institucional celebrado no Parlamento de Galicia con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no que tamén participaron o presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices, o presidente da delegación galega do Cermi, Luciano Fernández, e outros representantes de entidades sociais.

 

Fabiola García indicou que nesta xornada, da que mañá se conmemora a súa 40 efeméride, celebramos o “Día de todos nós, o dunha sociedade unida que loita desde a comprensión por erradicar todas as barreiras que lle impiden a unha persoa desenvolver o seu proxecto de vida”. Neste sentido, puxo en valor os logros acadados neste ámbito por parte do tecido social, as administracións e a sociedade en xeral.

 

A conselleira salientou o apoio da Xunta ás persoas con discapacidade e ás súas familias, acompañándoas en cada un dos seus pasos vitais: durante a infancia, na etapa educativa e no acceso ao mundo laboral. Así, referiuse ao impulso da rede de atención temperá coa creación de preto de 50 unidades que dan cobertura a 200 concellos, fundamentais para identificar posibles problemas no desenvolvemento dos nenos; á consolidación na nosa comunidade dun dos sistemas educativos máis inclusivos de España, con protocolos de actuación para atender a todo o alumnado; ao apoio aos centros ocupacionais e centros especiais de emprego ou á reserva de máis prazas de traballo público para estas persoas.

 

Accesibilidade

Así mesmo, Fabiola García abordou a importancia de continuar a traballar na eliminación das barreiras físicas, cognitivas ou comunicativas que atopan no seu día a día. Ao respecto, avanzou que proximamente se aprobará o Decreto de accesibilidade e avanzarase na primeira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Tamén destacou o incremento nun 30% das prazas de atención diúrna e residencial.

Imaxes relacionadas