Os traballos teñen un prazo de execución previsto de seis meses e están centrados na mellora do control térmico interior e a eficiencia enerxética do edificio
Ourense, 7 de decembro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o Centro de protección de nenos e adolescentes da Carballeira para informar que Xunta sacou a licitación pública as obras para a renovación da instalación, que contarán cun investimento de 957.000 euros para mellorala. Nesta visita estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén.
As obras, que terán un prazo de execución previsto de seis meses, están centradas na mellora do control térmico interior e a eficiencia enerxética do edificio. Máis polo miúdo, substituiranse todas as carpinterías exteriores; as ventás sinxelas cambiaranse por dobre ventá; colocaranse paneis tamiz nunha parte da fachada, para mitigar a incidencia do sol; aplicarase un revestimento exterior; e farase unha reforma do acceso con novos elementos de iluminación.