Os usuarios do Centro Ocupacional O Saiar de Caldas de Reis instalan a decoración de Nadal no edificio da Xunta en Pontevedra

Pontevedra, 12 de decembro de 2022

Os usuarios e formadores do Centro Ocupacional O Saiar, de Caldas de Reis, instalaron na mañá de hoxe a decoración de Nadal na zona de acceso principal e nas salas de entrada dos nove andares do edificio administrativo da Xunta de Galicia emprazado no barrio pontevedrés de Campolongo.

Os membros desta entidade de atención e formación a persoas con diversidade funcional foron recibidos polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e pola secretaria territorial, Marta Iglesias, que lles agradeceron o seu traballo e louvaron a calidade e beleza dos materiais e as pezas de Nadal que locerán no edificio durante as vindeiras catro semanas e que foron elaboradas polos propios usuarios de O Saiar e tamén os do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela.

“Por segundo ano consecutivo volvemos a instalar unha preciosa decoración de Nadal que xurde do grandísimo traballo destes dous centros, que fan un magnífico labor a prol da inclusión e da integración e que poderá ser contemplada polos milleiros de cidadáns que acuden ao edificio da Xunta a facer as súas xestións”, sinalou Luis López.

Imaxes relacionadas