O presidente do Goberno galego visita esta residencia pública autonómica de Pontevedra

Rueda reedita a aposta da Xunta por un novo modelo de atención residencial co investimento de 4 M€ na reforma do centro de maiores de Campolongo

As obras incluirán a reforma da fachada, a reordenación dos espazos comúns e melloras na eficiencia enerxética e na accesibilidade
 

Defende esta inversión para convertela nun centro de referencia na atención de calidade
 

Agradeceu a iniciativa do director da residencia para facerlles chegar cariño en forma de carta aos usuarios e que deu lugar a unha onda de solidariedade
 

Pontevedra, 16 de decembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reeditou a aposta da Xunta por un novo modelo de atención residencial co investimento de 4 millóns de euros na reforma do centro de maiores de Campolongo. “Esta residencia despois de 30 anos necesitaba e merecía un esforzo importante como o que se vai facer agora para convertela nun centro de referencia na atención de calidade”, defendeu o mandatario galego durante a visita que realizou hoxe a esta residencia pública autonómica de Pontevedra, que espertou unha onda de solidariedade trala iniciativa do seu director, Juan José López, animando á xente a facerlles chegar aos seus usuarios cariño en forma de cartas e mitigar con afecto a soidade.

Durante a visita, o presidente da Xunta referiuse a esta marea de apoios en forma de centos de cartas que recibiu a residencia e que considerou unha “pequena mostra da solidariedade e do cariño” dos galegos e galegas. Por este motivo, agradeceulle ao director da residencia esta iniciativa “tan bonita” na que se recolleron “tan bos sentimentos” cara ás persoas maiores e amosouse convencido de que se estenderán máis aló do Nadal.
 
Precisamente, o Goberno galego dispón de medidas para acompañar os maiores, como a Estratexia galega de soidade non desexada, que se aprobará en breve; o programa Benestar en Balnearios, que permite o autocoidado e impulsa as relacións sociais; ou Xuntos polo Nadal que permite reunir nestas datas en dúas residencias a persoas que viven soas para que pasen as festas acompañados
 
Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, aproveitou a visita para coñecer as instalacións, compartir impresións cos usuarios e darlles a coñecer a inminente mellora do centro que se vai facer cunha inversión de 4 millóns de euros, unhas obras que comezaron a proxectarse no ano 2019 e que van ser licitadas en breve. A intervención inclúe a reforma da fachada, a reordenación dos espazos comúns e melloras de eficiencia enerxética e de accesibilidade.
 

Medidas para que os nosos maiores elixan como e onde queren vivir

Cómpre salientar que o Goberno galego traballa para que os maiores da Comunidade teñan liberdade para elixir como e onde queren vivir, e que con ese obxectivo se puxeron en marcha accións de apoio tanto para os que seguen a residir nas súas casas como para os que o fan nun centro de maiores.

No caso das residencias e coa finalidade de adaptalas ás necesidades dos novos tempos, a Xunta está a mellorar a coordinación sociosanitaria dos centros e a reformar as instalacións para facelas máis confortables e accesibles, ademais de poñer en marcha novos modelos de convivencia como poden ser as vivendas colaborativas, tamén coñecidas como cohousing.
 
Coa intención de mellorar esta coordinación entre a área sanitaria e a social elaborouse un censo actualizado de todos os usuarios das residencias de maiores para facilitar o intercambio de información tanto co Servizo Galego de Saúde como dentro da propia residencia.
 

Imaxes relacionadas