A Xunta inicia a execución da estratexia Galicia Retorna 2026 coa que se impulsará o emprendemento, a formación e o emprego de 30.000 galegos do exterior

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron hoxe un encontro para avanzar nos programas de emprego da nova planificación

A Estratexia 2023-26 duplica as medidas e o orzamento anterior incidindo a través dun cento de propostas en catro áreas: laboral, educativa, social e asesoramento

Ao eido do emprego, o que aglutina unha maior cantidade de medidas, estímase que se destinarán preto de 175 millóns de euros nos vindeiros catro anos

A Xunta consolida a súa aposta polo rexuvenecemento da poboación galega e o recoñecemento do dereito ao retorno dos galegos residentes no exterior

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

A Xunta iniciou hoxe a execución da nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 (ERG2026) coa que con 450 millóns de euros búscase facilitar o regreso á súa terra de 30.000 galegos do exterior nos vindeiros catro anos, o que incrementaría nun 35% o fluxo actual de retorno ata as 7.500 persoas cada ano. Hoxe abordáronse os programas de emprego desta planificación nun encontro que mantiveron en Santiago de Compostela a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

 

O documento, que duplica as medidas e o orzamento da Estratexia anterior, incide a través dun cento de propostas en catro áreas: laboral, educativa, social e de asesoramento, seguimento, coordinación e control. O eido do emprego é o que aglutina unha maior cantidade de medidas (37) que se centrarán no impulso do emprendemento, a formación e o emprego dos galegos do exterior cuns 175 millóns de euros ata 2026, segundo as estimacións do Goberno galego.

 

Deste xeito, na área laboral incluiranse na Estratexia programas de incentivos á contratación na empresa destinados a facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas con dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, favorecendo o emprego estable e facilitando o incremento das oportunidades laborais; accións formativas para a adquisición de competencias e capacidades; e unha actuación para impulsar a creación de empresas cunha fase de pre-aceleración de acompañamento e titorización dos proxectos e unha de aceleración para os plans de negocio máis viables.  

 
 
 

A Estratexia Galicia Retorna 2023-26, que se aprobou a semana pasada no Consello da Xunta, dá continuidade ao primeiro Plan integral de fomento e apoio ao retorno que se aprobou e puxo en marcha en España: a Estratexia Retorna 2020, aprobada en 2018 e que mantivo a súa vixencia ata este ano. A nova planificación parte da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional e tamén como unha oportunidade para superar o complexo reto demográfico que ten por diante a nosa comunidade.

 

Trátase dun documento reitor das liñas de actuación para os cidadáns galegos residentes no exterior que, na actualidade, superan o medio millón de persoas, entre emigrantes e os seus descendentes. Recolle, así, as principais liñas de traballo en materia de retorno co obxectivo de facer de Galicia a mellor opción para viviren para as galegas e galegos residentes no exterior.

 

Entre outras liñas de actuacións, ademais das centradas no área laboral, a nova planificación permitirá, entre outros, intensificar o asesoramento, seguimento e apoio integral ás familias no retorno; facilitarase o acceso á vivenda a través da incorporación da figura dos retornados as liñas de axuda para alugueiro, rehabilitación e compra; promoverase a continuidade educativa dos retornados e dos seus familiares; e facilitarase a participación nos programas de inclusión sociolaboral, reforzando a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostando por programas de desenvolvemento persoal da xuventude retornada.

Imaxes relacionadas