Un cento de redeiras das tres provincias costeiras participan nun novo estudo da Xunta para coñecer e mellorar as súas condicións de saúde laboral

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) está a elaborar un estudo sobre as condicións de traballo das redeiras, no marco do que xa realizou recoñecementos médicos a estas traballadoras e visitou seus lugares de traballo

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver un novo estudo de saúde laboral do traballo das redeiras. No que vai de ano xa completou as dúas primeiras fases consistentes en visitas aos lugares de traballo e aos recoñecementos médicos específicos que se realizaron a un cento de mulleres nos  centros provinciais do Instituto na Coruña, Pontevedra e Lugo.

Acabadas estas fases de identificación de riscos e valoración do estado de saúde, durante 2023 procederase á análise dos indicadores máis relevantes para actualizar o estudo colectivo de saúde laboral e para desenvolver, tras coñecerse os seus resultados, actividades de sensibilización, información e formación a este colectivo para promover melloras a través de medidas preventivas no seu traballo cotiá.

O persoal de medicina e de enfermaría do traballo do Issga desprazouse á sede da asociación de redeiras de Malpica para testemuñar esta actividade laboral e as condicións de traballo do colectivo. O pasado novembro completáronse os recoñecementos médicos específicos en función dos riscos detectados a un total de 98 redeiras que traballan nos portos coruñeses de Cariño, Cedeira, Corme, Malpica, Porto do Son, e Portosín; nos de Cambados, Cangas e A Guardia, en Pontevedra; e no de Burela, en Lugo.

Como novidade, con respecto ao estudo realizado en anos anteriores incorporáronse ao recoñecemento médico cuestionarios con aspectos relacionados coa promoción da saúde laboral e o benestar no traballo, como a adhesión á dieta atlántica na alimentación, a actividade física segundo o criterio da OMS e un cuestionario xeral de saúde.

Tal e como especifican desde o Issga, “as doenzas que se manifestan están na súa maioría asociadas aos riscos ergonómicos: posturas forzadas, movementos repetitivos e manipulación manual de cargas”. Así as cousas, hai outras enfermidades relacionadas coas condicións de humidade do ambiente no que desenvolven o seu traballo e que poden provocar enfermidades profesionais infecciosas e parasitarias.

Con estas iniciativas preténdese visualizar as patoloxías profesionais do sector e os seus riscos laborais e propoñer, no seu caso, medidas preventivas para reducir os seus efectos sobre a saúde.

O Issga destaca a excelente acollida do colectivo que, xunto con outros da actividade de pesca e afíns, continuará sendo obxecto de actividade continua e preferente para o Instituto para tratar de reducir a sinistralidade laboral, incidir nunha mellor identificación das enfermidades profesionais e, en definitiva, mellorar a calidade de vida das traballadoras e traballadores dun sector de gran importancia en Galicia.

O estudo enmárcase no plan de actuación 2022 do Issga que ten como un dos seus colectivos prioritarios de actuación ás mulleres redeiras, na necesidade de mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral dun colectivo integrado case na súa totalidade por mulleres traballadoras autónomas.