A Xunta convoca 13 cursos de formación continua para persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das accións formativas, que suman 345 prazas e se impartirán a través da Academia Galega de Seguridade Pública
A Estrada (Pontevedra), 6 de marzo de 2024
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 13 cursos de formación continua dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios e voluntarias de Protección Civil (AVPC). As accións formativas, que suman 345 prazas, impartiranse ao longo do primeiro semestre do ano e inclúen sesións de carácter presencial, semipresencial e en liña.
Así, requírese presencialidade na sede da Agasp para asistir aos cursos de apoio psicolóxico e manexo do estrés en situacións críticas de emerxencia e catástrofe, busca de persoas desaparecidas no medio rural con equipos caninos e outros medios, comunicacións en emerxencias, coordinación operativa en plans de emerxencia, intervención e regulación do tráfico, rescate en lugares de difícil acceso e riscos climáticos. A maiores, impartirase un curso sobre atención á diversidade centrado na lingua de signos que se transmitirá en directo a través da plataforma de formación da Agasp.
Pola súa banda, as sesións sobre organización e seguridade en eventos multitudinarios e sobre primeiros auxilios terán carácter semipresencial e as centradas en actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero e en Google Earth para dispositivos de emerxencia deberán seguirse en liña.
O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 13 de marzo. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
Estes cursos enmárcanse no plan de formación previsto pola Agasp para o primeiro semestre de 2024 dirixido ao persoal dos servizos de emerxencias que actúan en Galicia. Súmanse así aos xa convocados de formación continua para persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, aos Grupos de Emerxencias supramunicipais (GES) e os servizos municipais de Protección Civil, con máis de 400 prazas, aos básicos para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil, con 260 prazas, ou aos destinados a profesionais socorristas, con 267 prazas.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.