O simulacro de incendios do edificio administrativo da Xunta de Campolongo mobiliza a bombeiros, policía local, protección civil e 061

Foron evacuadas preto de 500 persoas entre os traballadores do edificio e os cidadáns que acudiron esta mañá a realizar algún trámite

O delegado territorial agradeceu o traballo e a impecable actuación de todos os involucrados e destacou a importancia de contar cun bo plan de autoprotección

Varios funcionarios actuaron como figurantes e foron rescatados polos bombeiros e atendidos polos efectivos sanitarios

Pontevedra, 6 de marzo de 2024

Esta mañá tivo lugar un simulacro de incendios no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. Cunha duración aproximada de unha hora e media, contou coa participación de varias dotacións de bombeiros, policía local, efectivos do 061 e da Protección Civil de Pontevedra.

O simulacro, que estaba previsto dende o pasado mes de decembro, tiña como obxectivo poñer a proba o plan de autoprotección do edificio, ademais de formar e aos centos de traballadores e traballadoras que cada día acoden ao seu posto de traballo.

En total, o número de evacuados alcanzou as 500 persoas, tendo en conta os preto de 450 funcionarios e funcionarias e os cidadáns que acudiron ao edificio a realizar algún tipo de trámite. Cabe destacar que o número total de traballadores do edificio supera as 700 persoas, se ben un bo número deles non se atopaban nas instalacións debido a vacacións, teletraballo, ou baixas médicas.

Ás 10.30 horas da mañá soou unha alarma de incendios acompañada dunha gravación de audio na que se daban instrucións precisas para que todas as persoas abandonasen o edificio polas escaleiras.  Xa no exterior, o persoal acudiu a un punto de encontro previamente designado para cada planta.

O delegado territorial, Agustín Reguera, destacou o bo resultado deste simulacro e a importancia de “estar preparados e contar cunhas directrices claras para poder actuar da mellor forma posible en caso dunha emerxencia real”. Ademais, o delegado quixo agradecer a todos os efectivos que participaron nesta recreación e aos funcionarios e funcionarias que interromperon a súa xornada laboral: “o comportamento de todos os traballadores foi exemplar e tamén o das persoas que se achegaron ao edificio a realizar algún trámite e tiveron que ser desaloxadas. Temos que agradecer a súa paciencia e comprensión”.

Varios funcionarios participaron como figurantes nos exercicios levados a cabo polos bombeiros e o persoal do 061. Os traballadores simularon estar feridos ou desorientados e tiveron que ser “rescatados” e atendidos polos profesionais.

Trátase do cuarto simulacro destas características que se leva a cabo no edificio administrativo da Xunta en Campolongo dende que foi construído.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2024