A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Pontevedra

O fenómeno adverso estará activo a partir da madrugada con ventos de forza 8 e ondas de ata 7 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nos litorais das provincias da Coruña e de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada na costa pontevedresa e no oeste e suroeste da coruñesa, para estenderse a partir do mediodía ao suroeste desta provincia. Haberá vento do oeste ou suroeste de forza 8 e mar combinada do oeste con ondas de ata 7 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 07/03/2024