Case 120 persoas condenadas por delitos de tráfico participaron o ano pasado en obradoiros de educación viaria promovidos pola Xunta

Estes cursos enmárcanse nun convenio co Ministerio do Interior, que se encarga da selección dos beneficiarios das prazas para persoas con condenas de traballos en beneficio da comunidade

Os obradoiros son impartidos pola Asociación de Criminólogos de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024

Un total de 118 persoas condenadas por delitos relacionados coa seguridade do tráfico participaron o ano pasado en obradoiros promovidos pola Xunta cunha achega de case 31.000 euros e impartidos pola Asociación de Criminólogos de Galicia (Criga). A actividade enmárcase nun convenio de colaboración co Ministerio do Interior vixente desde 2010 para o cumprimento das penas de traballo en beneficio da comunidade.

Con base neste  acordo, a Xunta, en colaboración coa Asociación de Criminólogos de Galicia, leva a cabo estes talleres, que cada ano contan cunha media de 200 asistentes. Pola súa parte, o Ministerio do Interior, encárgase da selección dos penados beneficiarios das prazas que ofrece a Xunta para estes obradoiros. 

Deste xeito, proporciónase  un número de prazas a persoas con condenas de traballos en beneficio da comunidade nas condicións establecidas no Código penal e no Real Decreto de 2009, que modifica o anterior de 2005 e polo que se establecen as circunstancias de execución das penas de traballos en beneficio da comunidade e de localización permanente de medidas de seguridade, así como da suspensión da execución das penas privativas de liberdade.

O cambio posibilitou que os traballos en beneficio da comunidade poidan consistir na participación do penado en talleres ou programas formativos ou de reeducación, laborais, culturais, de educación viaria, sexual e outros semellantes.

Grazas a esta iniciativa é posible avanzar na bondade do sistema que permite que, baixo concretas circunstancias, a pena consista en traballos en beneficio da comunidade, o que reporta non só un aliciente para as persoas condenadas a prol da súa futura conduta, senón que reverte na comunidade como prestataria dos seus servizos.

Data de actualización: 08/03/2024