A Xunta inviste máis de 60.000 € en melloras de instalacións municipais no Porriño

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a localidade para coñecer o resultado das accións executadas no marco de distintas liñas de axudas aos concellos

Reparouse e ampliouse o parque infantil en Torneiros, e instalouse climatización no centro cívico

O Porriño (Pontevedra), 13 de marzo de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe O Porriño para coñecer diversas melloras executadas en 2023 ao abeiro das liñas de axudas ao eido local. Neste marco de acción, o Goberno galego destinou máis de 60.000 euros á reparación e ampliación do parque infantil de Torneiros, así como á instalación de climatización no centro cívico.

As obras no parque infantil contaron cunha achega da Xunta de case 31.000 euros e permitiron a reparación e renovación dos elementos de xogo, a mellora do pavimento e a delimitación do perímetro. A maiores, creouse unha nova área de xogo e ampliouse o espazo de lecer en 550 metros cadrados, con equipamento para a rapazada de diferentes idades. Así, instalouse unha corda tirolesa, un tobogán, unha pirámide e diverso mobiliario urbano.

Deste xeito, o parque infantil de Torneiros foi un dos 43 espazos destas características beneficiado o pasado ano coa Orde de infraestruturas de uso público. Segundo sinalou Natalia Prieto, a construción, ampliación, mellora ou cubrición destas instalacións é a principal demanda dos concellos que solicitan estas axudas, nunha clara aposta por ofrecerlles ás familias e á cativada lugares seguros e ben acondicionados para o lecer.

En canto á instalación de climatización no centro cívico, a subvención da Xunta ascendeu a 30.000 euros e enmarcouse no Fondo de Compensación Ambiental, destinado a apoiar os concellos nas melloras que repercutan no medio natural e na eficiencia enerxética das instalacións municipais. A obra centrouse no andar primeiro, coa colocación dun sistema de calefacción e ventilación que evita a perda de calor e favorece a redución do consumo enerxético.

Investimento de case 800.000 euros

Ademais destas axudas, o concello do Porriño recibiu o pasado exercicio máis de medio millón de euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local. Segundo indicou a directora xeral, nos últimos anos, o apoio do Goberno galego a diferentes actuacións no marco de distintos convenios e  das liñas de axudas a infraestruturas e melloras ambientais sumou preto de 800.000 euros.

Natalia Prieto lembrou que xa se lanzaron as novas convocatorias da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e do Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros de orzamento. A estas liñas engádeselles o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, con 5 millóns de euros, e como novidade este ano, unha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

A través destas medidas, ao longo de 2023 investíronse 27,2 millóns de euros no impulso a máis de 600 proxectos municipais. A directora xeral enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.      

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2024