A Xunta destaca as figuras dos profesionais da avogacía e da procuradoría como pezas esenciais da xustiza

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou no acto de despedida da 11ª promoción do Máster Universitario en Avogacía

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe no acto institucional de despedida da 11ª promoción do Máster Universitario en Avogacía impartido pola Escola de Práctica Xurídica en Santiago de Compostela.

Na súa intervención, José Tronchoni destacou as figuras de avogados e procuradores como “pezas esenciais da xustiza e para a construción dunha sociedade máis igualitaria, diversa e xusta”. Ademais de incidir na importancia da formación práctica, o director xeral trasladoulles aos titulados “a necesidade de saber integrarse nun equipo, traballar de maneira conxunta e aprender de quen nos rodea”.

Así mesmo, incidiu no compromiso do Goberno galego co labor desenvolvido polos profesionais da avogacía e da procuradoría. Nesta liña, cómpre lembrar que a Xunta mantén diversos acordos de colaboración cos colexios que representan estes colectivos para garantir a prestación de servizos fundamentais como a asistencia xurídica gratuíta ou o acompañamento a vítimas especialmente vulnerables, como mulleres vítimas de violencia sexual ou menores vítimas de delitos de violencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2024