A Xunta sinala o papel clave da Intelixencia artificial no eido legal e a necesidade de abordar os desafíos que representa

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou na inauguración das ‘XXIX Xornadas da Sociedade Española de Filosofía Xurídica e Política’, centradas nos retos da filosofía do dereito ante a intelixencia artificial

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou esta mañá na inauguración das XXIX Xornadas da Sociedade Española de Filosofía Xurídica e Política, onde sinalou o papel clave da intelixencia artificial no eido legal e a necesidade de abordar os desafíos que representa a súa aplicación. Referiuse así á importancia da IA no proceso de dixitalización “con ferramentas e solucións que axudan á optimización e axilidade nos procedementos”, ademais de favorecer “unha maior colaboración entre os operadores xurídicos”.

Nesta liña, José Tronchoni destacou que normativa recente como o Real decreto lei 6/2023, polo que se aproban medidas urxentes para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en materia de servizo público de xustiza, función pública, réxime local e mecenazgo, xa inclúe a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial que sirvan de apoio á función xurisdicional e á tramitación dos procedementos xudiciais.

O director xeral convidou tamén a unha reflexión pola ampla gama de desafíos que representa este avance e as súas implicacións para os dereitos humanos e o Estado de dereito, tanto desde a rama do Dereito coma da Filosofía, partindo dunha definición clara de que é Intelixencia Artificial.

Data de actualización: 21/03/2024