A Xunta avoga pola transformación dixital a prol dunha xustiza máis próxima e accesible

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou nas ‘Xornadas sobre as reformas procesuais do Real decreto lei 6/2023: xuízos telemáticos, expediente xudicial electrónico e outras novidades de interese’ organizadas polo Ilustre Colexio de Avogados de Santiago

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe nas Xornadas sobre as reformas procesuais do Real decreto lei 6/2023: xuízos telemáticos, expediente xudicial electrónico e outras novidades de interese, organizadas polo Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, onde avogou pola transformación dixital a prol dunha xustiza máis próxima e accesible.

Na súa intervención, na que estivo acompañado pola responsable da Área de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mª José García Sexto, abordou o expediente electrónico e a carpeta Xustiza, que lle permite á cidadanía un acceso único e personalizado.

O director xeral expuxo tamén todos os servizos actuais da sede xudicial electrónica e os traballos que se están realizando para adaptala ás novas necesidades que se prevén na nova norma. Nesta liña, Tronchoni incidiu na urxencia doutras reformas procesuais e organizativas, así como da introdución de mecanismos eficientes para facerlle fronte ao aumento da litixiosidade. Así, lembrou que están pendentes de aprobación a Lei de eficiencia procesual, a Lei orgánica do dereito de defensa e a Lei orgánica de eficiencia organizativa.

Data de actualización: 21/03/2024