A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu hoxe ao certame, que ten lugar na Residencia de Tempo Libre da Xunta en O Carballiño

Universitarios galegos debaten sobre a intelixencia artificial na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove 2024

Doce equipos dos campus de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo danse cita neste encontro

Máis de 500 escuadras de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades pasaron por este certame, que celebra este ano a súa edición número quince

O Carballiño (Ourense), 23 de marzo de 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta mañá cos integrantes dos equipos que participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove na categoría de Universidade. Un total de doce equipos dos campus de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo déronse cita neste evento que se celebra na Residencia de Tempo Libre da Xunta de Galicia.

Son 40 as persoas mozas que competiron coas súas escuadras nesta fase clasificatoria, na que a pregunta de debate sobre a que tiveron que argumentar a favor ou en contra foi ‘Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?’. Pola súa banda, as fases de ESO e Bacharelato xa se celebraron. Os resultados dos centros que pasaron á final pódense consultar na páxina web de xuventude. 

Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso.

Traballo de investigación e argumentación

Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.

A través de Parlamento Xove, o Executivo autonómico potencia habilidades e competencias da mocidade en eidos como a selección de información; a expresión oral e escrita; a orixinalidade; a argumentación razoada; o traballo en equipo ou a convivencia.

Data de actualización: 23/03/2024