A Xunta e o Consello da Avogacía Galega avanzan na mellora da prestación da asistencia xurídica gratuíta

Acordaron a actualización e inclusión de novos conceptos no baremo de compensacións aos profesionais que realizan o servizo, así como a axilización no pago da representación e defensa das persoas insolventes

As medidas enmárcanse no compromiso común de alcanzar solucións que beneficien aos profesionais ao tempo que garanten o acceso de toda a cidadanía á xustiza

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

A Xunta e o Consello da Avogacía Galega pactan novas melloras na prestación da asistencia xurídica gratuíta que dan resposta a históricas demandas dos colectivos profesionais de avogados e procuradores, ao tempo que garanten o acceso de toda a cidadanía galega a este servizo. Entre as medidas acordadas figuran a actualización e inclusión de novos conceptos no baremo de indemnizacións ou a redución da tramitación no pago da representación e defensa das persoas insolventes que non teñen recoñecido o servizo de dereito de xustiza gratuíta. 

Os avances pecháronse nunha xuntanza entre o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, con representantes do Consello da Avogacía Galega, dos sete colexios da avogacía de Galicia e do Consello Galego de Procuradores, no marco do compromiso conxunto por alcanzar solucións que beneficien tanto a profesionais do ramo como á poboación. 

Así, acordouse incluír no baremo de indemnizacións conceptos como a intervención letrada en entradas e rexistros domiciliarios, o proceso concursal e procesos de especial complexidade en todas as ordes. Ademais, prevese unha revisión de todas as cantidades do baremo. 

No que se refire á redución da tramitación no pago da representación e defensa das persoas insolventes que non teñen recoñecido o servizo o dereito de xustiza gratuíta, a declaración responsable da persoa letrada será posible para acreditar a insolvencia. Búscase así facilitar o cobro polos servizos sen necesidade de ter que achegar probas. A cambio, o letrado designado terá que renunciar á xura de contas e ao cobro da prestación polo cliente.

A maiores destas medidas, acordouse manter os convenios vixentes entre a Xunta e o Consello da Avogacía Galega, que xa amplían a cobertura da xustiza gratuíta en Galicia a actuacións non previstas na lexislación estatal. Garántese así o acceso de toda a cidadanía galega á xustiza. 

No encontro no que se pactaron as melloras participaron o presidente do Consello da Avogacía Galega e decano do Ilustre Colexio de Avogados (ICA) da Coruña, Augusto José-Cepeda, xunto co secretario técnico do Consello, Sergio Aramburu, os decanos dos ICA de Santiago, Francisco José Rabuñal, de Ferrol, Luis Torres, e de Lugo, José Félix Modelo, as decanas do ICA de Pontevedra, Gema Rial, de Vigo, Lourdes Carballo, e de Ourense en funcións, Esperanza Fernández, así como o vicedecano do Consello Galego de Procuradores, Fernando González-Concheiro. Todas as entidades representadas incidiron no diálogo construtivo e o compromiso mutuo como bases para estes acordos fundamentais de cara á consecución de reivindicacións históricas da avogacía.

Máis de 164M€ investidos desde 2009

Cómpre lembrar que a Xunta mantén un compromiso constante co servizo de asistencia xurídica gratuíta con 164,4 millóns de euros investidos desde 2009. Ademais no período entre 2010 e 2023 a porcentaxe de incremento de gasto anual foi dun 28,5% cunha media de case 13 millóns de euros nos últimos dous anos. 

O Goberno galego vén introducindo nos últimos anos incrementos nas compensacións e melloras na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta, que prestan os colexios profesionais, e que é fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Por iso, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais. En concreto, é unha  das autonomías que mellor retribúe os profesionais da quenda de oficio conforme ao baremo consensuado en 2021 co Consello Galego da Avogacía e o Consello Galego dos Procuradores e vixente ata 2025 grazas á suba dun 15% nos baremos pactados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/03/2024