A aplicación da robotización á xestión de pagos en procesos xudiciais facilitará a axilización da tramitación

A Xunta está a pilotar a automatización robótica de procesos nunha vintena de procedementos, tanto da Administración xeral como do eido xudicial

O emprego destas tecnoloxías libera ao persoal empregado público de tarefas repetitivas, incrementa a capacidade de tramitación das unidades administrativas e reduce os tempos de resposta

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024

A Xunta está a pilotar a aplicación de tecnoloxías de automatización robótica de procesos (RPA), xestión de contas de consignación e depósitos xudiciais. O emprego desta tecnoloxía evitará ao persoal empregado público a revisión de ingresos e transferencias vinculados a un mínimo de 165.000 casos anuais, que poderán dedicarse a tarefas de maior valor, reducindo os tempos de tramitación.

As contas de consignación e depósitos xudiciais permiten á cidadanía realizar ingresos vinculados a un proceso xudicial concreto, así como recibir os importes que determine  o órgano xudicial. A aplicación da robótica permitirá obter o detalle dos movementos de ingresos e transferencias recibidas para cada xulgado, cruzar os datos entre o número de conta e o expediente xudicial correspondente no sistema de información Minerva e cargar o PDF deste movemento no expediente xudicial correspondente.  Este é un dos preto de 20 procedementos nos que se está a pilotar a aplicación da automatización, tanto na Administración xeral autonómica como no eido xudicial.

Plataforma de automatización intelixente

A Xunta de Galicia busca estender o uso das tecnoloxías de intelixencia artificial e robótica aos procedementos administrativos de xeito progresivo grazas á plataforma de automatización intelixente que comezou a desenvolver en 2022.

Esta plataforma permite dar resposta áxil ás necesidades de tramitación de grandes volumes de expedientes que inclúen procesos repetitivos; reducir os tempos de tramitación e dar un mellor servizo á cidadanía, e incrementar a capacidade de tramitación das unidades administrativas, evitando que as persoas realicen tarefas que poden ser automatizadas.

As principais vantaxes da aplicación destas tecnoloxías é que facilitan a revisión de grandes volumes de datos de maneira automática de xeito que liberan ao persoal empregado público de tarefas repetitivas e automáticas, e poden dedicarse a tarefas de maior valor.

Data de actualización: 27/03/2024