A Confraría de Pescadores de Bueu mellora os seus servizos grazas a unha axuda de máis de 130.000 euros

O delegado territorial destacou a labor dos traballadores da confraría que non paran de atopar novas formas de modernizarse e facilitar o día a día dos mariñeiros

Reguera lembrou a importancia do sector mariñeiro en Galicia e asegurou que se trata dunha actividade de referencia pola súa calidade, relevancia e importancia histórica

Bueu (Pontevedra), 2 de abril de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Bueu, que recibiu unha axuda de máis de 130.000 euros para a mellora na comercialización e servizos da súa lonxa. 

Trátase dunha subvención para proxectos ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo da que se beneficiaron 22 entidades en toda a provincia de Pontevedra, entre confrarías, asociacións e empresas e que deixou na provincia máis de 1.8 millóns de euros. 

Desta forma a Xunta busca dar un impulso ao sector do mar, unha actividade “de referencia en Galicia pola súa calidade, relevancia e importancia histórica”, tal e como afirmou o delegado territorial durante a visita. 

Neste sentido, Reguera, agradeceu a importante labor de todos os que traballan na confraría e que facilitan o día a día dos mariñeiros e mariñeiras e destacou especialmente “o esforzo que está a facer na Confraría de Pescadores de Bueu por modernizarse, ofrecendo novos servizos que benefician tanto aos profesionais do mar como aos compradores da lonxa”. 

Pola súa banda, o patrón maior, José Manuel Rosas, agradeceu o apoio da Xunta e sinalou a importancia de contar co respaldo das institucións para levar a cabo iniciativas que permitan ás próximas xeracións seguir vivindo do mar. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2024