Galicia acolle a terceira edición das Xornadas de responsables de comunicación en centros 112 de España

As novas ferramentas tecnolóxicas e a súa progresiva aplicación abren a porta a revolucionar as dinámicas de comunicación en emerxencias

A Estrada (Pontevedra), 3 de abril de 2024

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) organiza, mañá xoves, 4 de abril, e o venres, día 5, a terceira edición das Xornadas de responsables de comunicación en centros 112 de España. Logo dos anteriores encontros, celebrados en Madrid e Sevilla, os profesionais da comunicación desprázanse a Galicia para continuar conversando sobre o presente e o futuro da información en emerxencias.

O obxectivo principal das xornadas é compartir opinións e accións para enriquecer as perspectivas e os modelos de comunicación de cada un dos centros participantes. Por iso, fomentarase o debate e a posta en común coa organización de mesas de traballo e dun caso práctico.

Entre outras materias, haberá dous relatorios que centrarán os contidos durante os dous días: o tratamento informativo do suicidio e o traballo dos xornalistas freelance ou por conta propia en zonas de conflito. 

A primeira materia abre a porta a discutir a cobertura informativa do suicidio, tanto desde o punto de vista dos medios de comunicación como das fontes de información —entre as que se contan os centros de emerxencias. O xornalista Gabriel González, membro da Comisión Interinstitucional para a Prevención das Condutas Suicidas do Goberno de Navarra, será o relator principal nunha conferencia que supón unha oportunidade para debater sobre o exercicio dunha tarefa comunicativa responsable e útil para a cidadanía.

En canto á información desde zonas de conflito ou catástrofe natural ou humanitaria, cóntase coa participación do xornalista freelance Marcos Méndez. Nos últimos tempos traballou, entre outros lugares, en Ucraína, Gaza ou Islandia, onde cubriu unha erupción volcánica que afectou a varios núcleos de poboación. Méndez compartirá cos participantes os riscos de desprazarse a cubrir un conflito por conta propia, así como as particularidades dunha xestión informativa diferente.

O futuro da comunicación en emerxencias

Durante as xornadas, diversas intervencións estarán centradas en analizar as ferramentas e tecnoloxías que facilitarán a comunicación en emerxencias nos anos vindeiros.

Unha das incógnitas que se busca clarificar é a posición que ocupará a web3 ou Web 3.0, un novidoso concepto de internet esencialmente descentralizado e horizontal. Isto pasa, entre outros factores, por calibrar o protagonismo dos usuarios e persoas particulares neste novo entorno dixital, e como poderán aproveitar as novas tecnoloxías para mellorar a comunicación en situacións de necesidade. Todos estes procesos, que van máis aló da voz dos usuarios —novos sistemas de localización, texto en tempo real ou contidos multimedia, entre outros datos—, gardan estreita relación coa idea de Next Generation, que pretende elevar os centros 112 a unha nova dimensión no futuro próximo.

Deste xeito, outros dos temas que estarán sobre as mesas de traballo son as técnicas de visualización de datos, que facilitan a comprensión de materias complexas por parte da poboación; ou a recente implantación do sistema ES-Alert e a súa aplicación nunha situación real, como foi a DANA que sacudiu o centro da península o pasado setembro.

A actualidade marcará os contidos das xornadas a fin de buscar puntos comúns e optimizar a comunicación en emerxencias. Abordaranse cuestións como as accións de coordinación transfronteiriza entre comunidades e con terceiros países. Neste sentido, Galicia mantén o seu compromiso coa seguridade da poboación no territorio lindeiro con Portugal e con outras autonomías xogando un importante papel nos proxectos ARIEM, Protempo e Atempo, financiados con fondos europeos. Durante as xornadas tamén se abordarán os últimos incendios urbanos rexistrados no país ou a xestión informativa do fluxo migratorio desde a costa africana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/04/2024