A Xunta apoia a mellora da captación de auga da comunidade de usuarios de Guimarei

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, comprobou o resultado das accións executadas ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria

O Goberno galego investiu máis de 5.200 euros na construción dunha nova arqueta, un novo depósito de acumulación e un novo entubado de conexión co obxectivo de evitar perdas de auga e a contaminación por restos de vexetación

Cuntis (Pontevedra), 3 de abril de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe os usuarios da comunidade de usuarios de Guimarei, e comprobou as melloras realizadas na instalación de captación de augas ao abeiro das axudas do Plan específico de acción comunitaria, dirixidas a entidades veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

A Xunta destinou máis de 5.200 euros aos traballos de construción dunha nova arqueta de captación e dun novo depósito de acumulación de 5.000 litros. Tamén se colocou un novo entubado para conectar o novo depósito coa canalización existente. 

Natalia Prieto explicou que, con estas obras, conseguiuse mellorar a captación e evitar importantes perdas por fisuras na arqueta, ao mesmo tempo que se conseguiu frear a entrada de restos de vexetación que contaminaban a auga. 

Tamén lembrou que xa se publicou a convocatoria deste ano de Plan específico de acción comunitaria, ao que se suma cada ano un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas como a de Guimarei. 

A orde conta cun orzamento de 3 millóns de euros, dos que 2,5 millóns de euros son para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas. 

Cos 500.000 euros restantes finánciase a compra do equipamento para o funcionamento das organizacións beneficiarias: mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual,  e outros recursos para actividades específicas.

Data de actualización: 03/04/2024