O Consello de administración do Intecmar aborda a ampliación do orzamento deste ano para colaborar en investigacións europeas

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, presidiu hoxe a reunión do consello de administración do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) na que a súa directora, Covadonga Salgado, informou sobre a actividade do centro e que serviu para aprobar as contas de 2023 e para analizar a modificación no orzamento para este ano. A entidade verá incrementados en preto de 211.000 euros as súas partidas, un 4,1%, co que superarán os 5,3 millóns de euros. 

Este aumento dos recursos diríxese de forma maioritaria ao capítulo de investimentos reais e permitirá ao Intecmar reforzar a súa colaboración en proxectos de investigación europeos como BlueWWater e Capta, financiados polo Programa de Cooperación Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027; na iniciativa FREE-LitterAT do programa de Cooperación Interreg Atlantic Area 2021-2027 da UE; e o desenvolvemento do proxecto europeo MANIFESTSGenius. Durante o encontro tamén se puxo de manifesto que o Instituto pasou o seu quinto ciclo de reavaliación pola Entidade Nacional de Acreditación en España (ENAC) desde que acadou por primeira vez o recoñecemento en 1999. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 03/04/2024