A Xunta adxudica as obras de ampliación do parque empresarial das Gándaras por máis de 7,5 M€

Tamén resolve o contrato de control de calidade dos traballos por 67.089 €

A ampliación permitirá dispoñer de 156.044 metros cadrados destinados a albergar 38 novas parcelas que se porán á disposición das empresas a prezos bonificados

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024

A Xunta de Galicia adxudicou as obras de urbanización das fases IV, V e VII-a do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, así como o contrato para o control de calidade das mesmas, por un importe total de preto de 7,6 millóns de euros.

Así o acordou esta mañá a Comisión Executiva da empresa pública Xestur, que se reuniu en Santiago e estivo presidida polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García. As obras para a ampliación do polígono industrial lucense serán executadas pola UTE Francisco Gómez y CIA S.L. –Vázquez Reino S.L.– Manuel Novoa Castro S.L.U. O prazo de execución dos traballos será de 15 meses e o importe da adxudicación ascendeu a 7.501.500 euros.

Pola súa parte, o servizo de control de calidade foi adxudicado a Applus Norcontrol S.L.U. por un orzamento, neste caso, de 67.089 euros, IVE incluído.

Estes contratos permitirán urbanizar un ámbito cunha superficie total de 218.472 metros cadrados, dos que 156.044 metros corresponden a 38 parcelas novas que se porán á disposición das empresas interesadas a prezos bonificados.

A distribución da superficie prevista na ampliación é a seguinte:

 

FASE

NÚMERO DE PARCELAS

SUPERFICIE TOTAL m2

SUPERFICIE DE PARCELAS m2

IV

25

67.703

50.264

V

12

96.959

66.792

VII-a

1

53.810

39.006

TOTAL

38

218.472

156.044

Ata o momento actual a Xunta leva investidos máis de 64,1 millóns de euros entre a adquisición de terreos e as obras de urbanización das tres fases que xa se atopan en servizo e nas que foron adxudicadas 149 parcela a 86 empresas, cunha superficie total de 488.278,82 metros cadrados.

O parque empresarial das Gándaras, como todos os da provincia de Lugo, ten un prezo de venda do solo bonificado pola Xunta nun 50%, polo que desde 2015 —ano no que se empezaron a aplicar estes incentivos— as empresas que adquiriron solo neste polígono aforraron preto de 17,6 millóns de euros.

Data de actualización: 05/04/2024