A delegación da Xunta acolle a reunión preparatoria para o simulacro de emerxencia no edificio administrativo

A delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, presidiu a xuntanza celebrada coas forzas e corpos de seguridade para coordinar o Plan de Autoprotección

Vigo, 5 de abril de 2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presidiu este venres a reunión preparatoria para o simulacro de emerxencia que acollerá proximamente o edificio administrativo do Goberno galego na cidade. A representante autonómica convocou a xuntanza á que asistiron as forzas e corpos de seguridade para coordinar aos equipos que se despregarán durante o exercicio e agradeceu a asistencia e cooperación de todos os estamentos.

“O obxectivo é estar preparados e contar cunhas directrices claras para poder preparar o simulacro que nos permita actuar da mellor forma posible en caso dunha emerxencia real”, sinalou a delegada territorial. Ademais de Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil, 061 e Bombeiros de Vigo, tamén asistiron responsables da Autoridade Portuaria e do Consorcio da Zona Franca.

Ana Ortiz tamén destacou que o simulacro que se realizará na sede da delegación territorial de Vigo durará aproximadamente unha hora e media e terá como finalidade poñer a proba o Plan de Autoprotección do edificio administrativo, ademais de formar aos centos de traballadores que cada día acoden ao seu posto de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/04/2024