A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións mantivo un encontro con representantes de Coca-Cola

A Xunta presentará antes do verán a súa guía para a integración de terrazas na contorna e espazos públicos

Ángeles Vázquez compartiu cos responsables da compañía, que subministra mobiliario exterior a centos de establecementos en Galicia, os principais obxectivos e criterios inspiradores da futura publicación de boas prácticas, coa que se busca mellorar a adecuación deste tipo de espazos aos lugares nos que se emprazan

O Executivo galego está a analizar con profesionais e empresas do sector hostaleiro como lograr unha maior homoxeneización no seu deseño, que sexan máis fáciles de retirar e que non obstaculicen a circulación peonil, entre outras cuestións

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2024 

A Xunta de Galicia está a intensificar os seus contactos con empresas e profesionais vencellados ao sector hostaleiro en relación á futura Guía para a integración de terrazas na contorna e nos espazos públicos, un manual de boas prácticas que ultima o Instituto de Estudos do Territorio (IET) co obxectivo de poder presentala oficialmente antes do próximo verán.

A tal fin a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, mantivo recentemente un encontro co xerente de Operacións da rexión Noroeste de Coca-Cola, Isidro Dorado, e coa xefa de Comunicación da compañía nesta área, María Sande, para coñecer as súas impresións e posibles achegas sobre a futura publicación, que ten como fin avanzar cara a unha certa homoxeneidade na instalación destes elementos e mellorar a súa integración coa contorna na que se localizan.

A responsable galega expuxo ante os responsables da compañía internacional, que subministra miles de elementos de mobiliario exterior cada ano a establecementos hostaleiros galegos, que a guía sobre terrazas na que traballa o seu departamento pretende ofrecer solucións prácticas e recomendacións coas que promover unha mellor adecuación destes equipamentos aos lugares nos que están emprazados.

Neste sentido, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada na reunión polo director do IET, Enrique de Salvador, salientou a importancia tanto de acadar unha harmonía no deseño dos distintos elementos que adoitan integrar unha terraza —mobiliario, toldos, paneis ou rótulos, entre outros— como de ter en conta a ocupación que se fai do espazo. Neste sentido, o manual ofrecerá consellos para reducir obstáculos e minimizar posibles afeccións á circulación de peóns, persoas con discapacidade visual ou con mobilidade reducida así como para liberar os accesos a portais e locais comerciais próximos.

Por este motivo, a futura guía avogará polo uso de mobiliario que non ocupe máis do preciso, que sexa lixeiro e pregable e de cores neutras, características que tamén se recomendarán no caso de antucas e toldos, ao tempo que apostará por deseños sinxelos e funcionais que poidan ser retirados facilmente cando non sexan necesarios.

A maiores e a efectos de garantir unha mellor integración das terrazas, teranse en conta cuestións como o seu emprazamento, especialmente en contornas de gran valor patrimonial, como centros históricos, prazas, rúas e soportais, terrazas de barrio ou espazos naturais. Nesta liña, buscarase que as terrazas sexan un complemento á arquitectura e que teñan un tratamento específico naqueles casos nos que estean localizadas en parques, xardíns, contornas naturais e praias.

O encontro cos responsables de Coca-Cola en Galicia enmárcase na rolda de contactos que abriu a Xunta a finais do ano pasado co sector co obxectivo de definir os criterios a seguir para acadar a integración paisaxística das terrazas na súa contorna.

A finalidade é obter unha ferramenta de consulta e referencia, prevista na Lei de protección da paisaxe de Galicia, que contribúa a protexer os valores paisaxísticos e a facer que este tipo de elementos estean o máis equilibrados posible co resto de espazos nos que se integran.

De feito, esta nova guía formará parte da Colección Paisaxe Galega, que conta na actualidade con 15 volumes relacionados coa integración e as boas prácticas en distintos eidos como os núcleos rurais, os espazos urbanos, os miradoiros ou os emprazamentos publicitarios, e que se complementa tamén co visor interactivo A paisaxe de Galicia desde a bicicleta e mais co Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/04/2024