O conselleiro do Mar en funcións acudiu á recepción ao presidente da república africana

Alfonso Villares destaca a importante relación de Cabo Verde e Galicia en materia pesqueira e o peso social e económico da comunidade deste país na Mariña

Resalta a relevancia tanto da presencia da frota e as industrias galegas no arquipélago africano como da colonia caboverdiana nos barcos con porto base en Burela

A Consellería do Mar participará este ano nunha nova edición de Expomar en Mindelo cun stand e empresas coexpositoras na que será a décima presencia nesta feira

Burela (Lugo), 7 de abril de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe na recepción no concello de Burela á comitiva encabezada polo presidente da República de  Cabo Verde, José María Pereira Neves, e á que seguiron unha visita ao Barco Museo Reina del Carmen na dársena desta localidade para, despois dun almorzo de traballo, realizar un percorrido polas instalacións portuarias da man de ABSA (Armadores de Burela SA) e manter un encontro coa comunidade caboverdiana.  

No acto de benvida o representante da Xunta agradeceu a visita do mandatario caboverdiano e puxo en valor as relacións en materia pesqueira entre o país africano e Galicia, dada a posición estratéxica deste arquipélago no Atlántico central, preto dos caladoiros de Senegal e Mauritania e a medio camiño entre España e as illas Malvinas, Arxentina e Namibia. Nas súas augas, en virtude do acordo pesqueiro coa UE, faenan barcos de armadores e capital galegos, especialmente palangreiros de superficie.  

Tamén destacou o titular de Mar a presenza de empresas galegas como A Poutada en Mindelo ou a planta frigorífica de Atunlo en Porto Grande, así como a celebración da feira Expomar na capital caboverdiana, especialmente relevante para estreitar os vínculos comerciais. Este ano celebra a súa undécima edición no mes de novembro e volverá a contar coa xa tradicional presenza do stand da Consellería do Mar que acollerá a distintas empresas galegas coexpositoras, cumprindo así a súa décima participación nesta cita.

Alfonso Villares enxalzou tamén o relevante papel que xoga a colonia de caboverdianos asentada na Mariña, pois tras un vínculo que suma xa catro décadas son parte fundamental tanto do tecido social como do económico. Resultan esenciais para o sector pesqueiro nas tripulacións dos buques con porto base en Burela, especialmente nos dedicados ao palangre de superficie, e xa non so como mariñeiros, tamén grazas á formación como membros dos cadros de mando dos buques. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 07/04/2024