A Xunta convoca a II Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade

Desenvolverase na Academia Galega de Seguridade Pública de maneira presencial o 25 de abril, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024

A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) convoca a II Xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade dirixida ás forzas e corpos de seguridade, ademais de persoal da xudicatura, do Ministerio Fiscal e profesionais dedicados a dar resposta ante incidentes, investigación ou a análise forense de equipos informáticos. De feito, o DFIR ( (Digital Forensic & Incident Response) baséase na análise forense dixital dun equipo informático co obxectivo de detectar a orixe e as causas dun incidente ou fallos de seguridade, que de forma proactiva permitirá previr posibles ataques informáticos. 

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, a acción formativa desenvolverase de maneira presencial o 25 de abril e terá unha duración de 8 horas. A xornada estrutúrase en sesións de contido teórico e práctico. Así, pola mañá, haberá conferencias sobre Intelixencia Artificial aplicada ao mundo da ciberseguridade, regulamento, medios de pago e criptomoedas. 

Xa pola tarde, impartiranse obradoiros especializados da man de expertos tanto no eido académico como profesional. Estes talleres centraranse nas bases forenses para aplicacións contenerizadas e na análise forense de redes, de malware e en sistemas Linux.

As persoas interesadas nesta xornada deberán cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal. O prazo de inscrición remata o 22 de abril ás 14,00 horas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2024