Alfonso Villares cre que o aumento do consumo dos alimentos do mar e do agro galegos é o mellor premio que a sociedade pode outorgar aos seus produtores

O titular de Mar destacou o éxito do Galicia Fórum Gastronómico como a feira culinaria máis destacada do noroeste peninsular e o principal escaparate da rica e diversa despensa que pode ofrecer o arco atlántico europeo

Participou no broche de ouro e pechou un dos actos principais da cita que se celebrou na Coruña coa entrega do recoñecemento á OPP-77 Porto de Celeiro, un exemplo de boas prácticas para poñer en valor a actividade da frota pesqueira       

Recoñeceuse da divulgación á formación pasando pola mellor hostalería, a artesanía alimentaria, o mellor viño e como proxecto rural a Amas da Terra, unha rede de mulleres produtoras, artesás, mariscadoras, agricultoras e cociñeiras 

A Coruña, 9 de abril de 2024

O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe no acto que serviu de broche de ouro para o Galicia Fórum Gastronómico: a entrega dos premios Picadillo 2024. Despois de tres intensos días de actividade arredor das excelencias culinarias e das últimas tendencias en materia de cociña, hostalería e produción alimentaria, o representante autonómico aplaudiu aos organizadores deste certame de referencia no noroeste peninsular, polo que pasaron chefs con máis de 30 Estrelas Michelín, e felicitou a todos os galardoados. 

Tamén sinalou que o aumento do consumo dos alimentos do mar e do agro é o mellor dos premios que a sociedade lle pode outorgar aos seus produtores, provedores dunha despensa que é a base dunha gastronomía saudable e de calidade, a da dieta atlántica, das máis saborosas do mundo. 

Cos premios Picadillo o Galicia Fórum Gastronómico ten coma obxectivo recoñecer o traballo que viñeron realizando profesionais de diversas disciplinas e oficios en favor da gastronomía galega. Alfonso Villares foi o encargado da entrega na categoría de Mar, e esta recaeu na OPP-77 Porto de Celeiro, da que destacou que é un exemplo de boas prácticas para poñer en valor a actividade da frota pesqueira antes de depositar o   galardón nas mans de Eduardo Míguez.  

Tamén por parte da Xunta José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural entregou á adega Quinta da Muradella de Monterrei (Ourense), a distinción na categoría vinícola. Vinculado a Turismo de Galicia José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostelería de Galicia, fixo o propio en materia de formación co premio para o CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra. Estivo presente ademais na cerimonia por parte da Consellería de Economía Ana Méndez, directora xerente de Galicia Calidade.

Houbo tamén recoñecementos para a mellor cociña para Ana Gago, da coruñesa Casa Pardo, na categoría de Sala a Clara Luís Domínguez, Clarita, do hostal La Viuda de Pobra de Trives ou para a Artesanía Alimentaria para Airas Moniz de Chantada (Lugo), así como tamén para a divulgación, que recaeu no pescador Rogelio Santos. Tamén ligado ao mundo do mar o premio na categoría rural foi para Amas da Terra, rede de mulleres produtoras, artesás, mariscadoras, agricultoras e cociñeiras como Lucía Freitas.

Visita aos participantes

O titular de Mar aproveitou para percorrer as empresas galegas presentes durante os últimos tres días no Galicia Fórum Gastronómico, destacando que estes foros son fundamentais para establecer novos contactos e abrir a porta a novas experiencias que permitan elevar o valor engadido á produción do sector primario galego. Na última xornada o expositor da Consellería acolleu degustacións de bonito do norte, pescada do pincho e tamén das verduras do mar, das algas.

A Xunta, segundo Alfonso Villares, pretende continuar a apoiar ás empresas do sector mar-industria tanto facilitando a súa presenza nas principais feiras sectoriais e gastronómicas do mundo, cunha ducia máis de certames garantidos no que queda de ano, como con campañas co fin de elevar o consumo de peixes e mariscos como GALICIA SABE AMAR ou a máis recente AMAR GALICIA. Mentres seguirase a reclamar do Goberno central a rebaixa do IVE aos produtos do mar.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 09/04/2024