A Xunta destaca a necesidade da coordinación en materia de emerxencias e a aposta pola innovación

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura das ‘Xornadas sobre Emerxencias Hidrometeorolóxicas e os Riscos derivados do Cambio Climático dentro do Proxecto europeo Covalex’

Sinalou a importancia de anticiparse e previr as incidencias relacionadas co cambio climático cos mellores medios humanos, materiais e tecnolóxicos

Ferrol, 10 de abril de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na clausura das Xornadas sobre Emerxencias Hidrometeorolóxicas e os Riscos derivados do Cambio Climático dentro do Proxecto europeo Covalex, que acolleu onte e hoxe o Campus Industrial de Ferrol co obxectivo de dar a coñecer este programa liderado pola Universidade da Coruña. Co proxecto Covalex preténdese mellorar a comunicación entre os países europeos ante as emerxencias, sobre todo hidrometeorolóxicas, mediante sistemas de protección civil máis resilientes e multidisciplinares.

Na súa intervención, Santiago Villanueva puxo en valor a importancia da cooperación e a coordinación en materia de emerxencias para mellorar a eficacia na xestión das incidencias por fenómenos ou catástrofes naturais. Deste xeito, puxo como exemplo outros programas europeos similares a Covalex e nos que participa a Xunta co mesmo obxectivo de reducir os tempos de resposta ante unha emerxencia entre distintos territorios.

Así, o programa Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (Atempo), apoiado polo Goberno galego, é unha das 80 iniciativas beneficiarias da terceira convocatoria das axudas do Programa Operativo Interreg V-A España Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027.

Nesta liña, sinalou que o cambio climático é unha realidade á que se lle debe dar resposta cos mellores medios humanos, materiais e tecnolóxicos con iniciativas como a presentada hoxe e, polo tanto, “é preciso anticiparse e previr as catástrofes relacionadas con este fenómeno a través do fomento da innovación”.  

A xornada de hoxe tamén acolleu o ciclo de conferencias sobre a xestión de emerxencias hidrometeorolóxicas derivadas de fenómenos relacionados coa auga, no que participou o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, cunha intervención sobre o futuro da protección civil e das emerxencias, así como representantes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que abordaron as emerxencias hidrometeorolóxicas.

A Axega participou ademais onte neste evento nun simulacro pola rotura dunha parede da presa do Rei entre os concellos de Narón e Neda, xunto con integrantes da Cátedra de Emerxencias da Universidade da Coruña, expertos de Covalex e Salvamento Marítimo.

Por outra banda, alumnado do Máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns da Facultade de Ciencias do Traballo e do Máster Universitario en Enxeñaría Industrial da EPEF asistiron a un hackaton, unha actividade formativa que durante a tarde de onte se centrou en coñecer boas prácticas de salvamento por inundacións e asolagamentos.

Data de actualización: 10/04/2024